O Entroido protagoniza o filme “+Cuñados” que, co patrocinio da Deputación, repite escenarios en Ourense e no Ribeiro

Na presentación da segunda parte desta comedia galega, Manuel Baltar agradeceu ao produtor executivo, Alfonso Blanco, que vincule outra vez a Ourense cunha produción que “está á metade da historia e que, como mínimo, ten que ter unha triloxía”

Alfonso Blanco asegurou que “+Cuñados” é unha película obrigada “por aclamación”, logo dunha primeira entrega que tivo unha excelente acollida”. Como ourensán, recoñeceu, “quería rodar aquí e ademais reivindicar a comedia como gran xénero, que lle faltaba ao cinema galego”

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta nova aventura contará as peripecias que lle suceden aos cuñados mentres festexan o carnaval, entre o Xoves de Comadres e martes de Entroido, arrancando a historia coa aparición dun cadáver xusto no medio da ponte internacional de Tui

Ourense, 5 de maio de 2023.- O Entroido ourensán será un dos protagonistas do filme “+Cuñados”, a segunda entrega da película estreada en 2021 e que estes días ródase no casco histórico da capital e na comarca do Ribeiro, co patrocinio da Deputación.

A presentación da rodaxe tivo lugar esta mañá no mirador de San Francisco da capital, coa presenza do presidente da Deputación, Manuel Baltar; o produtor executivo de Portocabo, Alfonso Blanco; o director de “+Cuñados”, Luis Avilés; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o director de Proxección Social de CRTVG, Xaime Arias,  e o presidente do Consello Regulador do Ribeiro, Juan Manuel Casares.

Tamén se deron cita neste acto en Ourense os directores de produción Javier López e Ana Míguez, así como os protagonistas desta secuela e tamén da primeira entrega, Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey.

Na súa intervención, Manuel Baltar agradeceu a Alfonso Blanco que vincule de novo a Ourense cunha produción que, na súa primeira entrega, “conseguiu un gran éxito”. Agora, dixo “estamos á metade da historia con esta segunda parte e como mínimo ten que haber unha triloxía para esta gran comedia galega ambientada en Ourense e con tres actores que fixeron un grandísimo traballo” 

A aposta da Deputación de Ourense pola cinema, afirmou Manuel Baltar, “é unha aposta por todo aquilo que dá visibilidade a Ourense, como o Festival de Cine que este ano celebrará a súa 28 edición, referendando o apoio ao audiovisual nun territorio onde calquera trama pode desenvolverse”.

Gabriel Alén, en representación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), agradeceu  a elección de Ourense “una vez máis para dar a coñecer o mellor de nós con esta película”, felicitando tamén á Deputación “pola decidida aposta do presidente para converter á provincia nun gran escenario a través da gran pantalla”.

Excelente acollida da primeira parte mesmo fóra de España

Tras expresar o seu agradecemento á Deputación e a todos os organismos e entidades que apoian esta produción, Alfonso Blanco asegurou que “+Cuñados” é unha segunda parte case obrigada “por aclamación”, logo dunha primeira entrega que tivo unha excelente acollida non só en Galicia e no resto de España, senón tamén en lugares como Os Ánxeles, Berlín ou París, onde se proxectou a súa versión orixinal en galego con subtítulos. O produtor recoñeceu que puxeran en marcha esta historia en Ourense por dous motivos: “Como ourensán quería rodar aquí e ademais reivindicar a comedia como gran xénero, que lle faltaba ao cinema galego”.

Luis Avilés, entre tanto, dixo sentirse “afortunado por ter a oportunidade de dirixir unha película e agradecido a Portocabo por contar conmigo”. Todo un reto por partida dobre, asegurou, xa que esta producción “parte dun primeiro éxito e trátase da primeira comedia que fago”, ao tempo que recoñeceu que “me sorprende Ourense como cidade polo viva que é”.

Un novo enredo dos cuñados en pleno Entroido

Esta nova aventura contará as peripecias que lle suceden aos cuñados mentres festexan o carnaval, entre o Xoves de Comadres e martes de Entroido. A historia arranca coa aparición dun cadáver xusto no medio da ponte internacional de Tui. Dous anos despois da detención de Alicia Zamora e o seu socio portugués, os cuñados montaron un posto de polbo en Ourense, a forma perfecta de branquear o diñeiro do botín que lles caeu do ceo. Con Modesto xa convertido nun cuñado máis da familia, aparece en Ourense de Andreia Nunes (a parella do portugués detido) buscando vinganza, o que complicará as cousas aos protagonistas meténdoos nun novo enredo que converterá o Entroido nun auténtico baile de máscaras.

Equipo técnico e artístico e colaboracións

Ademais de Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey, nesta secuela tamén repiten papel as actrices Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal. Pola súa banda, o equipo técnico está liderado por profesionais do audiovisual galego como Alfonso Blanco (produción executiva); Luis Avilés (dirección); Araceli Gonda (guión); Santi Jul e Iván Laxe (música orixinal); Sergio Franco (dirección de fotografía); Ana Míguez e Javier López (dirección de produción); Diego Méndez (coordinador de dirección), Juan Gay (son); Lu Rodríguez (montaxe); Andrea Pozo (dirección artística); Saturna (vestiario); e Fanny Bello (maquillaxe).

“+Cuñados” é unha produción de Portocabo que, ademais do patrocinio da Deputación de Ourense, conta coa participación de RTVE, TVG e Movistar Plus+, ademais do apoio da Xunta de Galicia a través do Agadic e a colaboración do Consello Regulador do Ribeiro e Estrella Galicia.