O alcalde de San Amaro, Fernando Rodríguez Redondo, acompañado das concelleiras Noelia Ordóñez e Paula Arias, mantivo o pasado 13 de novembro unha reunión de traballo co conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Gómez Caamaño, para abordar necesidades sanitarias do municipio.
No encontro, o conselleiro comprometeuse a colaborar nunha nova actuación de rehabilitación do centro de saúde de San Amaro. A Consellería enviará persoal técnico para avaliar as necesidades do edificio e determinar as actuacións necesarias, co obxectivo de formalizar posteriormente un convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello. Esta intervención dará continuidade ás obras realizadas hai uns catro anos, que permitiron renovar a cuberta e os baños e instalar un falso teito na sala de espera.
O Concello trasladou que o edificio presenta novas necesidades de conservación, especialmente nos bloques de vidro superiores, algúns deteriorados e con risco de desprendemento. Tamén considera necesario substituír a cuberta de policarbonato da entrada principal e mellorar as fachadas e os elementos exteriores. O alcalde entregou unha memoria explicativa con documentación fotográfica sobre as deficiencias e actuacións propostas.
Asemade, abordouse a ampliación da cobertura do servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO) no municipio. Este modelo permite que determinados pacientes reciban no seu domicilio coidados de rango hospitalario, evitando ou reducindo o ingreso nun centro sanitario. O Concello considera especialmente importante este servizo polo envellecemento da poboación e a dispersión dos núcleos rurais. Os responsables sanitarios comprometéronse a seguir traballando para que o recurso chegue a todos os veciños e veciñas que o precisen e cumpran os criterios establecidos.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Desde o Concello valórase moi positivamente o resultado da reunión e reitéranse a disposición a colaborar coa Xunta para materializar ambas as iniciativas. O alcalde subliñou que o obxectivo é que vivir nun concello rural non supoña ter menos oportunidades de acceso a unha atención sanitaria de calidade.
San Amaro, 19 de novembro de 2026.









