Miguel Anxo Fernández leva os seus libros aos clubs de lectura das Terras do Carballiño

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O autor compartiu “Buscando a Dalia” co club Frank Soutelo do IES nº 1 de O Carballiño e “Lume de cobiza” nunha sesión conxunta en Astureses cos clubs Xoán Pérez de Outeiro e Familias e Profesorado

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O escritor Miguel Anxo Fernández protagonizou unha intensa maratón vespertina de clubs de lectura nas Terras do Carballiño. Foron dúas citas nun mesmo día —e tres clubs implicados— nas que o autor puido falar das súas obras, escoitar as impresións dos lectores e comprobar o pulo que teñen estas iniciativas no ámbito rural e educativo.

A primeira parada foi o IES nº 1 de O Carballiño, co club de lectura Frank Soutelo. Alí, a obra elixida foi Buscando a Dalia. O encontro foi moi participativo e a conversa derivou por tantos temas que o tempo quedou curto. De feito, autor e club quedaron emprazados para unha nova sesión “en breve e cando eles acorden”. Miguel Anxo Fernández agradeceu o bo recibimento —“sempre son moi ben recibido e eu estou moi a gusto”— e tivo un recordo especial para os saborosos boliños que fan na cafetería do instituto.

Xa pola tarde, a cita trasladouse ao local social veciñal de Astureses, no concello de Boborás. Alí celebrouse unha sesión conxunta de dous clubs de lectura: o Xoán Pérez de Outeiro, da parroquia de Astureses, e o Familias e Profesorado, do CEIP Nosa Señora de Xuvencos. Neste caso, o libro protagonista foi Lume de cobiza. O propio autor cualificou a experiencia como “singular e única”, polo feito de xuntar dous clubs de lectura rurais nun mesmo espazo e nunha mesma conversa.

A asistencia foi boa, aínda que non estiveron todos os membros. No caso do instituto faltaron arredor de cinco ou seis persoas, nun grupo de 18 ou 19; en Boborás, as ausencias situáronse arredor de dez ou doce nun colectivo de vinte e pico persoas. Con todo, o balance do escritor é moi positivo: “A experiencia é moi boa”, sinalou, antes de reafirmar o moito que fan os clubs de lectura polo libro, pola socialización e polo falar de cultura.

A xornada rematou en Astureses cun café e uns doces, nun ambiente distendido que pechou unha tarde de literatura e conversa. Miguel Anxo Fernández despediuse coa mesma disposición de sempre: “Alá vou a correr en canto me chamen outra vez”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------