Marina Vaz e Brian Diz González reivindican as actuacións de conservación, rehabilitación e mellora da rede viaria estatal na provincia, con investimentos millonarios en infraestruturas fundamentais para a conexión dos municipios e a actividade económica
As e os socialistas destacan os 25,4 millóns de euros destinados á rehabilitación do firme da A-52 en diferentes tramos da provincia, os 6,3 millóns para reparar os viadutos da Arnoia e A Valenzá e os máis de 13 millóns investidos na conservación e mellora das estradas nacionais
Verín, 23 de novembro de 2026. O O PSdeG-PSOE de Ourense destacou hoxe en Verín os investimentos e actuacións que desenvolvidas polo Goberno de España na autovía A-52 e nas estradas nacionais da provincia para mellorar a seguridade viaria, a mobilidade e as conexións dos municipios ourensáns.
As e os socialistas subliñaron que a conservación da rede viaria estatal constitúe unha cuestión fundamental para unha provincia como Ourense, na que as estradas son imprescindibles para os desprazamentos diarios ao traballo, aos centros educativos, aos servizos sanitarios e para o desenvolvemento da actividade económica.
Neste sentido, puxeron en valor as actuacións de rehabilitación do firme da A-52, tanto no tramo de Ourense cara a Vigo, onde se actuou sobre 60 quilómetros cun investimento de 10,9 millóns de euros, como entre os quilómetros 138 e 176, cun investimento de 14,5 millóns de euros e que atravesa os municipios da Gudiña, Riós, Vilardevós, Verín, Monterrei e Cualedro. A estas actuacións súmanse os 6,3 millóns de euros destinados á reparación dos viadutos da Arnoia e A Valenzá, así como o investimento de 1,5 millóns de euros no paso subterráneo do Pino, unha obra de emerxencia xa finalizada.
O PSdeG-PSOE destacou tamén os máis de 13 millóns de euros investidos en conservación e mellora das estradas nacionais da provincia, así como a humanización da N-525 ao seu paso por Xinzo de Limia, cun investimento de 4 millóns de euros e cuxas obras xa están rematadas, transformando a mobilidade e o espazo urbano do municipio.
Investir nas estradas de Ourense é investir na cohesión territorial e nas oportunidades da provincia
A candidata socialista ao Congreso, Marina Vaz Quintillán, destacou que as infraestruturas viarias son fundamentais para garantir a cohesión territorial e que todos os municipios da provincia poidan estar conectados en condicións de seguridade e igualdade.
Vaz subliñou que a A-52 é unha infraestrutura estratéxica para Ourense, tanto pola súa función como corredor de conexión con Vigo e o resto de Galicia como pola súa importancia para os desprazamentos de longa distancia e a actividade económica. “Ourense necesita estradas seguras, ben conservadas e que permitan que os nosos municipios estean conectados cos servizos, cos centros de traballo e coas oportunidades. O Goberno de España está realizando investimentos importantes na A-52 e na rede de estradas nacionais, con actuacións concretas que se traducen en melloras reais para a vida diaria da cidadanía”, afirmou.
A candidata socialista incidiu tamén na importancia de que as infraestruturas se planifiquen con criterios de cohesión territorial, especialmente nunha provincia marcada pola dispersión poboacional e polo peso dos municipios rurais. “A cohesión territorial non se constrúe unicamente con grandes proxectos. Tamén se constrúe mantendo as estradas en boas condicións, mellorando os accesos, reducindo as dificultades nos desprazamentos e garantindo que vivir nun municipio rural non supoña ter menos oportunidades”, engadiu.
A conservación das estradas é unha cuestión de seguridade e de compromiso coa cidadanía
Pola súa banda, o candidato socialista ao Congreso, Brian Diz González, puxo o foco na importancia da conservación e rehabilitación da rede viaria estatal e reivindicou o compromiso do Goberno de España coa mellora das infraestruturas de Ourense.
Diz González destacou as actuacións realizadas na A-52, especialmente nos tramos que atravesan o territorio ourensán, así como as reparacións dos viadutos da Arnoia e A Valenzá e as intervencións nas estradas nacionais. “O mantemento das estradas non é unha cuestión menor. É unha cuestión de seguridade, de mobilidade e de calidade de vida. Cada día miles de persoas utilizan a A-52 e as estradas nacionais para ir traballar, acudir aos servizos públicos ou desenvolver a súa actividade económica. Por iso é fundamental investir na súa conservación e mellora”, sinalou.
O candidato socialista tamén destacou as obras de emerxencia realizadas na N-525, na contorna da cidade de Ourense, para estabilizar os noiros afectados polas borrascas de 2026, así como a actuación na variante de Eirasvedras-Quintela, cun investimento de 29,34 millóns de euros e actualmente en execución.
Diz González reivindicou igualmente a variante de circunvalación do Barco de Valdeorras, na N-120, cun investimento de 65 millóns de euros, que se atopa aproximadamente ao 70 % de execución, cos túneles e viadutos rematados e coa previsión de finalización na primavera de 2027. “Durante anos, moitas destas infraestruturas estiveron nos caixóns. Hoxe hai obras en marcha, investimentos e actuacións que están avanzando. O importante é seguir traballando para que Ourense teña as conexións que merece e para que os investimentos se traduzan en resultados e melloras para a cidadanía”, apuntou.
Investimentos con resultados concretos para Ourense
O PSdeG-PSOE de Ourense reivindicou que o balance das infraestruturas debe realizarse a partir de actuacións concretas, investimentos, obras executadas e proxectos en marcha, diferenciando os compromisos das intervencións que xa están materializadas.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
As e os socialistas destacaron que as melloras na A-52, a reparación de viadutos, a conservación das estradas nacionais, as obras de emerxencia e a humanización da N-525 en Xinzo de Limia forman parte dun compromiso coa seguridade viaria e coa modernización das infraestruturas da provincia.
Finalmente, defenderon a necesidade de continuar avanzando na mellora das conexións de Ourense con Galicia e co resto do Estado, apostando por unha planificación sostida, investimentos públicos e transparencia nos prazos e no estado de execución de cada actuación, para que as infraestruturas contribúan ao desenvolvemento económico, á cohesión territorial e á igualdade de oportunidades.

















