O PSdeG-PSOE de Ourense pon en valor o investimento do Goberno de Pedro Sánchez na ampliación das instalacions do Museo Etnolóxico de Ribadavia

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PSdeG-PSOE de Ourense pon en valor o compromiso do PSOE e do Goberno de Pedro Sánchez coa recuperación do patrimonio histórico e cultural da provincia a través do investimento realizado no Museo Etnolóxico de Ribadavia, onde o Ministerio de Cultura impulsou a rehabilitación integral dun edificio anexo para ampliar as instalacións e mellorar os servizos do equipamento museístico.

A candidatura socialista ao Congreso e ao Senado nas eleccións do 20 de novembro destaca esta actuación como un exemplo de como os investimentos públicos do Goberno de España contribúen á conservación do patrimonio, á modernización dos equipamentos culturais e á dinamización económica e turística dos municipios ourensáns.

O proxecto foi anunciado en xullo de 2024 cun investimento previsto de 825.000 euros e contemplaba a recuperación dun inmoble que se atopaba en estado de ruína, situado fronte ao edificio principal do museo. Segundo os datos oficiais da Gerencia de Infraestruturas e Equipamentos de Cultura, a intervención supuxo finalmente 794.129 euros en obras e 67.155 euros en servizos técnicos. Os traballos comezaron en agosto de 2024 e remataron en decembro de 2025, permitindo recuperar unha superficie construída de 391,43 metros cadrados, distribuídos en planta baixa e tres andares.

A rehabilitación permitiu trasladar parte dos usos administrativos do museo ao edificio anexo, habilitando espazos para o arquivo documental, o taller fotográfico, a zona documental, os despachos administrativos, a dirección e unha sala de reunións. Ademais, recuperouse a galería tradicional do inmoble. Esta reorganización permitirá liberar un espazo significativo no edificio principal do Museo Etnolóxico, mellorando as súas posibilidades de uso e a organización das súas instalacións.

O PSOE demostra con feitos o seu compromiso coa cultura e co patrimonio de Ourense

A candidata socialista ao Congreso, Carmen Rodríguez Dacosta, destaca que o investimento no Museo Etnolóxico de Ribadavia representa unha aposta pola recuperación do patrimonio histórico e pola mellora dos equipamentos culturais da provincia. “Estamos falando dun investimento que vai máis alá da rehabilitación dun edificio. Estamos recuperando patrimonio, ampliando as posibilidades dun museo de referencia e dotando Ribadavia de mellores instalacións culturais. Iso é apostar polo territorio e polo futuro da provincia”, sinala.

Rodríguez Dacosta pon en valor o compromiso do Ministerio de Cultura coa conservación do patrimonio ourensán e destacou que este tipo de actuacións permiten que os recursos públicos teñan un impacto directo na vida dos municipios.

A candidata tamén contrapón a importancia dos investimentos materializados fronte aos anuncios sen executar e defendeu a necesidade de continuar impulsando proxectos que melloren os equipamentos públicos e contribúan ao desenvolvemento económico e social de Ourense. “O patrimonio cultural non pode quedar abandonado. Necesita investimentos, mantemento e proxectos que lle dean vida. O Goberno de España está demostrando que existe outra maneira de entender a política: con recursos, actuacións concretas e resultados que quedan para a cidadanía”, afirma.

Investir en cultura é investir na identidade, no turismo e nas oportunidades do Ribeiro

Pola súa banda, a candidata socialista ao Senado, María Fernández Ojea, destaca a importancia da recuperación do edificio anexo para reforzar o papel do Museo Etnolóxico como referente cultural e patrimonial de Ribadavia e de toda a comarca do Ribeiro.

Fernández Ojea subliña que a cultura tamén é unha ferramenta de desenvolvemento económico, capaz de atraer visitantes, dinamizar o comercio e a hostalaría e xerar oportunidades nos municipios do interior. “Ribadavia ten un patrimonio extraordinario e precisa investimentos que permitan conservalo, poñelo en valor e convertelo nunha oportunidade para toda a comarca. Recuperar un edificio histórico e incorporalo ás instalacións do Museo Etnolóxico é unha maneira de coidar a nosa identidade e de crear futuro”, destaca.

A candidata socialista incide tamén na importancia de que os investimentos culturais cheguen ao conxunto da provincia e non se concentren exclusivamente nos grandes núcleos urbanos. “A cultura debe ser accesible para toda a cidadanía, viva onde viva. Investir nos museos, no patrimonio e nos equipamentos culturais dos municipios rurais significa tamén apostar pola igualdade de oportunidades e pola dinamización do territorio”, engade.

Investimentos que recuperan patrimonio e xeran oportunidades

O PSdeG-PSOE de Ourense reivindica a actuación do Museo Etnolóxico como exemplo do impacto positivo dos investimentos estatais na provincia, destacando que a recuperación do edificio anexo permite conservar un inmoble histórico, mellorar os servizos do museo e liberar espazos no edificio principal para reforzar a súa actividade.

As e os socialistas defenden a necesidade de continuar impulsando investimentos en cultura e patrimonio como elementos fundamentais para fortalecer a identidade dos municipios, dinamizar o turismo e xerar actividade económica.

De cara ás eleccións xerais do próximo 29 de novembro, Carmen Rodríguez Dacosta e María Fernández Ojea poñen en valor a importancia de contar cun Goberno de España comprometido cos investimentos públicos, coa cultura e co desenvolvemento do interior, reivindicando a necesidade de que Ourense siga contando con recursos e actuacións que permitan recuperar patrimonio, mellorar servizos e crear oportunidades.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------