A Deputación de Ourense celebra a festividade de Santa Rita cun recoñecemento aos empregados públicos xubilados este ano

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O presidente provincial, Luis Menor, agradeceulles aos catorce compañeiros xubilados que asistiron ao acto, a súa dedicación destacando que entre todos eles suman “504 anos de servizo colectivo aos ourensáns”

A xornada festiva incluíu, ademais dunha misa na capela de Laias, actividades como torneos deportivos, xogos populares e o tradicional xantar de confraternidade no que participaron máis de 300 persoas

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Cenlle, 22 de maio de 2026.

A Deputación de Ourense celebrou hoxe os actos conmemorativos con motivo da festividade de Santa Rita de Casia, patroa dos empregados e empregadas públicas da Administración Local. Na xornada, na que se rendeu homenaxe a un grupo de catorce compañeiros da Deputación que se xubilan este ano, o presidente provincial, Luis Menor, agradeceu a súa dedicación destacando que entre todos eles suman “504 anos de servizo colectivo aos ourensáns”.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Na súa intervención, o presidente provincial dixo que o valor máis importante e xenuíno desta institución é precisamente “o seu capital humano” afirmando que os compañeiros que este ano se xubilan deixan “un legado de profesionalidade que servirá de exemplo e guía para os centos de compañeiros que continúan a súa vida laboral”.

Máis alá dos actos oficiais, a xornada de Santa Rita estivo marcada por un completo programa de actividades lúdicas e deportivas dirixidas a todo o cadro de persoal, ademais da tradicional misa que este ano tivo lugar na capela de Laias.  

A celebración culminou co tradicional xantar de irmandade, que reuniu a máis de trescentos traballadores e traballadoras das distintas áreas da Deputación. Un encontro que serviu para estreitar lazos fóra do ámbito estritamente laboral e festexar en comunidade.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------