O Bloque presenta unha emenda á totalidade que eleva a dotación do Plan CooperOU ata os 24,7 millóns de euros, incorpora 1,8 millóns para a recuperación das zonas afectadas polos incendios, 2,2 millóns para integrar os GES no Consorcio de Incendios e 2,7 millóns para emprego e acción social
Ourense, 28 de novembro de 2026. O grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense denuncia a falta de ambición dos orzamentos da Deputación de Ourense para 2027, que, cun incremento de apenas un 2% respecto ao exercicio anterior, sitúan a Ourense á marxe do esforzo de reforzo económico que están realizando o resto das deputacións galegas. Fronte a esta decisión do Partido Popular, o BNG presenta unha emenda á totalidade cunha proposta alternativa que permitiría mobilizar 21.602.000 euros para transformar as prioridades do gasto provincial, reforzar a capacidade dos concellos e impulsar políticas de desenvolvemento económico e social.
Os nacionalistas consideran especialmente significativo o contraste coas outras Deputacións galegas. Así a Deputación da Coruña incrementa o seu orzamento un 14,6%, a de Lugo un 15% e a de Pontevedra, tamén gobernada polo Partido Popular, un 9,7%, fronte ao exiguo 2% de Ourense. Para o BNG, esta diferenza evidencia que existe marxe para unha maior ambición orzamentaria e que a decisión do Goberno de Luís Menor supón renunciar a incorporar arredor de 20 millóns de euros adicionais aos recursos dispoñibles para as comarcas de Ourense, tomando como referencia un incremento próximo ao 10%.
O BNG defende que a Deputación debe asumir un papel activo na dinamización económica, na cooperación cos concellos e na prestación de certos servizos públicos, especialmente nun Ourense que precisa afrontar o seu declive demográfico e económico. Por iso, a formación nacionalista volve presentar unha alternativa orzamentaria propia, na liña do traballo desenvolvido durante os últimos tres exercicios, coa vontade de demostrar que existe outro xeito de gobernar a institución e de poñer os recursos públicos ao servizo das necesidades reais do territorio.
A emenda formula unha minoración de 21.602.000 euros en diferentes partidas dos capítulos I, II, IV e VI. Esta redistribución afecta, entre outras partidas, á dotación do INORDE, que suporía a súa supresión, ao considerar o BNG que as funcións que desenvolve poden ser asumidas directamente polos servizos da Deputación, evitando duplicidades e gastos nun organismo autónomo cuxa utilidade vén cuestionando reiteradamente.
A principal aposta da proposta nacionalista é o reforzo do Plan CooperOU, cuxa dotación total se elevaría ata os 24.710.000 euros, sumando os recursos dos capítulos 4 e 7. O BNG propón incrementar en 14,9 millóns de euros a súa dotación, co obxectivo de fortalecer a cooperación cos concellos mediante os criterios de asignación fixa e variable e as bases reguladoras existentes. A formación considera que o financiamento municipal debe constituír unha das prioridades centrais da Deputación, garantindo que os concellos conten con recursos suficientes para atender as necesidades da veciñanza e desenvolver os seus investimentos e servizos.
A esta dotación engádese unha partida específica de 1.800.000 euros para a recuperación das zonas afectadas polos incendios forestais, integrada no Plan CooperOU. O BNG entende que a Deputación non pode permanecer á marxe das consecuencias da vaga de lumes de 2025, que seguen afectando especialmente aos municipios máis castigados. A situación que continúan padecendo concellos como Vilamartín de Valdeorras, Viana do Bolo ou A Rúa evidencia, segundo denuncia a formación nacionalista, a insuficiencia da resposta e da xestión posterior por parte da Xunta de Galiza. A institución debe implicarse directamente na recuperación destes territorios e contribuír a paliar os efectos económicos, sociais e ambientais dos incendios.
Outra das propostas fundamentais da emenda é destinar 2.200.000 euros á integración dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) no Consorcio Provincial de Incendios, avanzando cara a un modelo unificado de xestión das emerxencias. O BNG propón habilitar esta partida inicial para incorporar os grupos á estrutura do Consorcio en réxime de xestión directa pola Deputación, completando posteriormente os recursos necesarios mediante as correspondentes modificacións de crédito. Trátase de avanzar na coordinación dos servizos de emerxencias, mellorar a súa organización e garantir unha resposta máis eficaz e homoxénea no conxunto do territorio Ourensán.
No ámbito económico, o Bloque propón tamén a creación dun programa específico de fomento do emprego, dotado con 2.452.000 euros, destinado a impulsar a actividade económica e favorecer a creación de oportunidades laborais nas comarcas de Ourense. O BNG considera necesario que a Deputación abandone unha posición de mera xestión administrativa e asuma un compromiso efectivo coa dinamización económica, apoiando iniciativas que contribúan a fortalecer o tecido produtivo e a xerar emprego, especialmente nos concellos que máis dificultades teñen para fixar poboación.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A dimensión social completa a proposta nacionalista cun programa de cooperación con entidades e asociacións que loitan contra a violencia machista, dotado con 250.000 euros. A iniciativa contempla un modelo baseado na concorrencia competitiva e na colaboración mediante convenios con entidades especializadas, co obxectivo de reforzar o traballo que desenvolven no acompañamento, na prevención e na loita contra as violencias machistas. O BNG considera que a Deputación debe implicarse tamén nesta materia, proporcionando recursos e apoio ás organizacións que traballan directamente coa sociedade.
Esta emenda é unha alternativa que, para o BNG, sitúa as necesidades do territorio e das persoas no centro das prioridades da Deputación e que evidencia que Ourense precisa dunha institución con maior ambición política, económica e social.–
















