O PP de Allariz esixe medidas sociais fronte á Covid-19, ante a “inoperancia e falta de xestión” do goberno

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo municipal do PP critica que “o proxecto de Orzamentos para 2021 non contempla ningunha medida para facer fronte aos dramáticos efectos producidos pola crise do Coronavirus”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Por todo isto, presentan unha moción coa que se solicita a inclusión dentro dos orzamentos e do marco competencial do Concello de Allariz de medidas sociais e económicas para facer fronte á crise

O Partido Popular de Allariz insta a adopción de medidas orzamentarias para paliar os efectos da Covid-19 nos sectores e colectivos máis afectados, ante a “inoperancia e falta de xestión” do grupo de goberno local.

O grupo municipal do PP critica que “o proxecto de Orzamentos para 2021 non contempla ningunha medida para facer fronte aos dramáticos efectos producidos pola crise do Coronavirus”, tras desestimarse a enmenda presentada polos populares que solicitaba a inclusión de ditas medidas sociais.

“A negativa a proposta do PP para facer unhas contas que respondan a realidade xerada pola Covid-19, contribuindo a minimizar o impacto económico e social, repercute de maneira perxudicial nos sectores e colectivos máis afectados”, sinalan dende o PP.

Por todo isto, o grupo municipal popular presentou unha moción para o seu debate no pleno ordinario correspondente ao mes de novembro na que solicita a inclusión dentro dos orzamentos e do marco competencial do Concello de Allariz de medidas sociais e económicas para facer fronte á crise.

En concreto, a proposta do Partido Popular contempla “reservar unha partida específica nos orzamentos municipais para un Plan de reactivación económica e social para os autónomos e pemes con domicilio fiscal no concello de Allariz que acrediten na porcentaxe que se acorde unha perda de facturación nos seus negocios dende o 13 de marzo de 2020”.

Ademáis, propón destinar parte dos fondos que o municipio reciba do mecanismo europeo Next Generation Europe ó apoio aos autónomos e pemes espialmente paralizados, co obxectivo de que poidan levar a cabo acción de dixitalización e eficiencia enerxética que lle permitan reactivar o seu negocio.

Solicitan tamén a “modificación das ordenanzas fiscais reguladoras dos impostos sobre bens inmobles, actividades económicas e vehículos de tracción mecánica aproximándoas ao mínimo legal”. Ademáis de introducir cambios nas ordenanzas fiscais reguladoras das taxas polos servizos de subministración de auga, de saneamento e depuración de augas residuais, de recollida e tratamento de residuos.

Tamén contempla “proceder á devolución das taxas municipais que gravaron as terrazas dende o 13 de marzo de 2020, así como das contías do Imposto sobre construcción, instalación e obras (ICO) daqueles titulares de actividades económicas que solicitaron licenza no 2020 e que non puideron abrir como consecuencia da pandemia”.

Dende o PP de Allariz demandan, entre outras, que “se axilice o pago das facturas pendentes, así como reducir os tempos medios de pago a provedores, especialmente a autónomos ou pemes”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------