Suma e segue no desmantelamento de servizos municipais desde a chegada ao goberno de DO e PP. Agora tócalle a oficina de rehabilitación, fundamental para o desenvolvemento e posta en valor da zona histórica e dos ARIS de Ourense.
Na reunión celebrada esta maña no salón de plenos para avanzar no PEPOU constatouse a imposibilidade, tal e como están as cousas, de poder telo aprobado antes do 31 de decembro de 2021. pasada esta data, o concello perdería as competencias para a resolución de expedientes, sendo esta da Xunta de Galiza, o que, segundo o BNG, contribuiría a un aumento da parálise e da dilación nos prazos.
Outro das cuestións que saíron á luz e que mesmo puxeron de manifesto os técnicos municipais é o feito de que a intención expresada polo Goberno Local de trasladar a oficina de rehabilitación, que actualmente ocupa unha superficie de 115 m2 e no que actualmente traballan 9 persoas aparte de figurar alí o arquivo, a unha oficina de apenas 45 m2 ubicada na propia sede de urbanismo o que vai provocar é un claro debilitamento do propio servizo e das condicións de traballo.
Para o BNG este traslado e o feito de non aprobar a tempo o PEPOU, son o paso previo ao desmantelamento da propia oficina, feito este que, segundo os nacionalistas, acarrearía consecuencias moi graves para o concello pois perderíase a oficina encargada de xestionar a zona histórica da cidade e todas aquelas zonas pendentes de rehabilitación así como a captación de importantes subvencións neste ámbito.