Tiruleque ven de publicar as bases da convocatoria da XIII Mostra de Teatro Amador 2020,

O grupo de teatro Tiruleque ven de publicar as bases da convocatoria da XIII Mostra de Teatro Amador 2020, que terá lugar nos meses de outubro e novembro. En principio, a mostra, que conta coa subvención do Concello do Carballiño e da Deputación provincial de Ourense, celebrarase os días 3, 10, 17, 24, 31 de Outubro e 7 de Novembro de 2020, ás oito e media da tarde, no Auditorio Manuel María do Carballiño.
Como nas últimas edicións, cada grupo seleccionado percibirá a cantidade de 700’00 € pola súa actuación, e os socios da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), 800,00 €.
Tamén se continúa coa concesión do Premio Tiruleque, que se outorgará ó mellor grupo teatral participante. Este premio, que non tén contido económico, consiste na contratación directa do grupo gañador para a futura XIV Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” 2021, sen ter necesidade de pasar pola escolma do Xurado cualificador.
Entre os requisitos que se piden nas bases da convocatoria figuran: Que as obras estean interpretadas no idioma galego, que teñan unha duración de 60 minutos como mínimo, e de 90 minutos como máximo, e que os grupos participantes sexan afeccionados. Tamén se piden preferentemente comedias para adultos, e prefìrese que a obra sexa orixinal do grupo, para evitar o pago ás sociedades de autores. En todo caso, os pagos do canon ás sociedades de autores correrán a cargo do grupo participante.
As bases poden verse e descargarse no páxina web co concello do Carballiño, e a documentación requerida debe remitirse, ben por correo ordinario ou electrónico, a: Tiruleque, Grupo de Teatro Rúa Tomás Mª Mosquera 36 – 1º Aptdo. 115 32500 O CARBALLIÑO (Ourense) Tfnos. 988 27 00 90 * 617 35 44 56 tiruleque@galicia.com tirulequeteatro@gmail.com.
As fotografías e o cartel debn enviarse necesariamente por correo electrónico, ou ben nun CD, lapis (pen drive) ou dispositivo semellante de onde se poidan extraer.
Os grupos interesados en participar na XIII Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” 2020, deberán remitir: Ficha de Inscrición debidamente cuberta e firmada, catro fotos (mínimo) da representación da obra en formato JPG, cartel da obra en formato JPG, DVD da obra, lapis (pen drive) ou, preferentemente, enlace de internet onde se poida ver. A data límite para enviar as inscricións e documentación será o día 10 de Xuño de 2020.