Critica de Espazo Común ó Concello

Segundo declaracións de Espazo Común “A DESASTROSA XESTIÓN DO RECENTE TEMPORAL POR PARTE DO CONCELLO DO CARBALLIÑO, IMPÚLSANOS A PROPOR A ELABORACIÓN DUN PROTOCOLO MUNICIPAL DE EMERXENCIAS

Tampouco foi en absoluto afortunada a atención posterior ofrecida aos afectados polos cortes de luz ou a caída de árbores.

AVANTAR ACTIVIDADES

Non é de recibo que no peor momento do temporal, o alcalde estívese a cear nunha coñecida pulparía no marco dunha entrega de premios

Que o funcionamento interno do Concello do Carballiño nos últimos tempos é errático e deslabazado, é unha evidencia que pode comprobar e padecer calquer cidadán que precise facer nel algunha xestión ou demandar algún servizo.

Sen embargo, a incapacidade vése transformada nunha grave irresponsabilidade cando se trata de dar resposta a situacións de emerxencia coma a provocada polo temporal Fabien que azoutou a Galicia nesta fin de semana. Así, podemos definir a actuación dos dirixentes municipais como de improvisada, tardía e neglixente.

Todo o mundo era sabedor da chegada dunha fronte que foi decretada coma de alerta laranxa com moita antelación, todo o mundo estaba prevido sobre a inminencia de fortes ventos e circunstancias climatolóxicas certamente adversas e perigosas. Bueno, dá a sensación de que todo o mundo, excepto o alcalde do Carballiño e o seu concelleiro de Seguridade, a quenes non se lles ocorreu organizar un dispositivo cun mínimo de efectivos para afrontar o que xa se vía vir.

O sábado pola tarde, nos peores momentos e con dúcias de incidencias, todo o persoal do Concello dispoñible a pé de rúa eran tan só un policía e dous operarios do Grupo Municipal de Emerxencias. Menos aínda do que é habitual calquer día.

Só xa chegando á noite, cando a situación era totalmente insostible, optouse por mobilizar a máis axentes de policía.

Por suposto, os que sufriron as consecuencias desta inoperancia dos que tiñan que ter previsto o que ía acontecer foron os cidadáns do Carballiño que viron como o tempo de resposta para atender as súas chamadas de urxencia era excesivo nunha situación deste calibre.

Nin tan sequera se tivo a previsión de pechar espazos públicos coma o Parque Municipal, onde a caída de árbores xa ten provocado numerosos sustos.

Resulta absolutamente impresentable que namentres os carballiñeses estábamos a sufrir os perigos e estragos de Fabien, o señor alcalde Fumega, estivera ceando plácidamente nunha coñecida pulparía no marco dunha entrega de premios.

Tampouco foi moito máis afortunada a súa resposta posterior aos danos ocasionados, sobre todo na penosa reacción no tocante aos cortes de suministro eléctrico.

Foron moitos os veciños que pasaron toda a fin de semana sen luz e, a pesares das fantasiosas promesas verquidas nun medio de comunicación polo rexedor que afirmou que o luns á tarde estaría todo solucionado aínda que tivera que enviar xeradores, non foron poucos os que pasaron a escuras a Noiteboa e gran parte do día de Nadal.

Polo tanto, e ante manifesta incapacidade dos responsables municipais para establecer un plan de reacción a unha emerxencia previsible, o Grupo Municipal de Espazo Común vai plantexar no vindeiro pleno unha proposta para que se estableza un protocolo que quede fixado para situacións coma a vivida.

Tamén proporemos que o Concello canalice e asesore as demandas dos veciños afectados ante a compañía responsable do suministro eléctrico ante posibles danos e perdas sufridos.