O Psoe denuncia a Baltar

IES CHAMOSO LAMAS

OS SOCIALISTAS DENUNCIAN A BALTAR ANTE O CONSELLO DE CONTAS POLO REPARTO A DEDO DE SETE MILLÓNS FRAGMENTADOS EN 160 CONTRATOS MENORES ENTRE CATRO EMPRESAS

Villarino detallou un “sistema a dedo que viola sistematicamente o espírito da lei de contratos” e preguntou por que a Deputación fixo firmar un papel ós alcaldes asegurando que non se fraccionaban obras

O CAMPO DA FEIRA NON SE PECHA

Gomez destacou que algunhas adxudicacións “son claramente un fraude de lei porque foron outorgadas por importe de 40.000 euros cando a lexislación di que deben ser inferiores a esa cantidade”

O PSdeG-PSOE denunciará ante o Consello de Contas de Galicia o “reparto a dedo” de sete millóns de euros, “fragmentados de forma presuntamente irregular en 160 contratos menores de obra” entre catro empresas, executado por Manuel Baltar ó longo dos dous últimos anos. Tamén trasladarán ó ente fiscalizador o mesmo proceder do goberno provincial nos contratos menores de subministros e servizos. Trala entrada en vigor da Lei 9/2017, a nova regulación sobre contratos públicos, a Deputación de Ourense repetiu estas adxudicacións menores, en moitos casos con importes exactamente iguais, no borde do límite máximo permitido, independentemente do obxecto e sempre entre as mesmas empresas.

Os socialistas analizaron polo miúdo os expedientes formalizados desde o 1 de xaneiro de 2018 e descubriron que ‘Manuel Viso e Hijos’ foi a principal empresa beneficiaria deste procedemento que non require concurso público, tras recibir 1,9 millóns en 58 contratos menores. A continuación sitúanse ‘Camiños de Ourense’ con 1,5 millóns en 40 contratos; ‘Coviastec’ con 1,4 millóns e 38 contratos; e Explotacións Medioambientais con 0,8 millóns en 24 contratos. A todos os importes de adxudicación destas obras en decenas de concellos da provincia hai que engadir o IVE.

O voceiro do PSdeG-PSOE, Rafa Villarino, explicou que estamos ante un “sistema de adxudicacións a dedo que viola sistematicamente o espírito da lei de contratos en vigor” polo que isto é “claramente” un “sistema sospeitoso de irregularidades”. “Que relación ten Baltar con este proceder?; Por que os importes das obras son iguais con obxectos distintos ou será que axustan todas as obras ata o límite para poder adxudicar a dedo?; Por que a Deputación esixiu ós alcaldes que asinasen un papel no que certificaban que as obras non estaban fraccionadas”?, preguntou o portavoz.

“Xa sabemos o que pasou nesta Deputación co persoal e agora pasaron á fase do descaro absoluto na contratación pública”, destacou o líder socialista quen tamén advertiu do “nerviosismo entre algúns traballadores que, en todo caso, non teñen a culpa, xa que a culpa recaerá en quen ordena este proceder irregular”.

O deputado, Nacho Gómez, dixo que “as sospeitas ante estas irregularidades non son de agora e xa levamos moio tempo investigando” pero “xa non podiamos seguir impasibles” e “alguén terá que explicar todo isto, polo que recorremos ó Consello de Contas para ter unha base xurídica máis sólida”. “A medida que a lexislación estatal foi reducindo o importe máximo destes contratos menores, o número de contratos por empresa desta Deputación aumentaba”, destacou o deputado antes de sinalar algunhas adxudicacións que “son claramente un fraude de lei porque foron outorgadas por importe de 40.000 euros exacto cando a lei di claramente que deben ser inferiores a esa cantidade”. “Todo o mundo pode equivocarse, pero son varios os casos deste tipo e a culpa non é dos funcionarios e si dos que mandan bordear a lei”, matizou o deputado.

Gómez tamén relatou o caso concreto dun “contrato menor” adxudicado á empresa ‘Editorial Compostela’ por importe 185.000 euros IVE incluído —moi superior á cantidade máxima de 15.000 euros— baixo o obxecto “subscrición ó periódico El Correo Gallego”. “Sabemos que existe unha disposición que ampara estas adxudicaciones maiores ó límite no caso concreto de publicacións, pero estamos a falar de 185.000 euros concedidos a dedo para unha empresa que non ten nin a sede social nin traballadores en Ourense e tampouco sabemos onde están os xornais que a Deputación compra”.

Os socialistas aclararon que, na súa análise, non se teñen en conta os contratos adxudicados polo procedemento ordinario mediante concurso, que estas empresas recibiron ó longo destes dous anos desde a institución ourensá.

Contratos menores

Detalle Contratos

Gráficos