Unha vintena de expertos en prevención reúnense en Expourense para organizar o programa de actividades de Previsel 2020
O Salón da Prevención e Seguridade Laboral celebrará a súa 15ª edición os días 15 e 16 de abril.
Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral prepara a súa 15ª edición que terá lugar en Expourense os días 15 e 16 de abril consolidado xa como unha cita imprescindible para todos os axentes sociais involucrados na prevención, xa que é o único salón destas características que se celebra en Galicia. Expourense acolleu a primeira reunión do comité asesor no que se apuntaron os temas que se abordarán a través do amplo programa de actividades co que sempre conta esta cita. Incluirá conferencias e talleres especializados que terán o obxectivo de sensibilizar da necesidade de contar con formación en materia de seguridade e prevención de riscos e nesta edición prestarase especial atención á saúde dos traballadores analizando aspectos como a contaminación ambiental, aspectos legais ou a medición de tensión.
A esta primeira reunión asistiron unha vintena de expertos representantes de distintas entidades públicas e privadas como o ISSGA (Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia); a Consellería de Sanidade; a Consellería do Medio Rural; a CEO (Confederación Empresarial de Ourense); a Dirección Xeral de Formación profesional: a Policía Nacional; Bombeiros de Ourense; Protección Civil Ourense; Servizo Provincial de Emerxencias; TESGALICIA; FREMAP; representantes de colexios oficiais de profesionais como o de Arquitectos, o de Aparelladores ou o de Enxeñeiros Técnicos Industriais e tamén representantes dos tres sindicatos maioritarios na provincia: CC. OO., U.G.T. e C.I.G. Esta reunión estivo dirixida pola directora adxunta de Expourense, Emma González, co apoio da coordinadora de Marketing do recinto, María José Fernández.
Todas as entidades representadas no comité participarán de forma activa en Previsel 2020 programando actividades formativas e mobilizando aos seus membros para que participen no salón. Entre as actividades xa confirmadas nesta primeira reunión cabe destacar as xornadas organizadas pola C.I.G. que virará sobre a “Contaminación Ambiental no traballo e na contorna” e por U.G.T. que versará sobre a “Vixilancia da saúde dos traballadores: características e implicacións legais”. Pola súa banda, o ISGGA confirmou que organizará, como é habitual, dúas xornadas formativas especializadas: unha denominada “ Adeus tensión!” e outra sobre nanotecnoloxía e riscos laborais.
Este evento, que conta co apoio principal da Xunta de Galicia a través do ISSGA, consegue o involucramento activo de todos os axentes vinculados á prevención: administración, patronal, sindicatos, mutuas, colexios profesionais ou servizos de emerxencias entre outros. Tanto os profesionais como o público que asista a Previsel atopásense con dúas áreas: exposición e xornadas técnicas.
Previsel 2020 será ademais un escaparate especializado, onde se presentan produtos e servizos. Aquí daranse cita os expertos do sector co obxectivo de axuntar os seus coñecementos e esforzos en materia de prevención. Unha gran oportunidade para os profesionais do sector pero tamén para empresarios, traballadores, futuros traballadores, co fin de intercambiar experiencias e actualizarse ao redor dos últimos avances.