D.O. Ribeiro suma 81 adegas certificadas

O C.R.D.O. Ribeiro entregou en Arnoia os certificados de produto a 81 das súas adegas, de conformidade coa normativa UNE-EN-ISO/IEC 17065, unha acreditación internacional lograda polo Consello Regulador, cumprindo así as esixencias derivadas da OCM do viño para todas as indicacións de calidade europeas. 

A D.O. Ribeiro logrou a “acreditación para a certificación de produtos do sector agroalimentario” a finais do pasado ano e actualmente hai un total de 81 adegas certificadas, é dicir, que superaron un proceso de avaliación rigoroso, conforme ao manual de calidade e prego de condicións do C.R.D.O. Ribeiro.

AVANTAR ACTIVIDADES

Este histórico acto tivo lugar esta mañá na antiga Cooperativa do Pemento de Arnoia e contou coa presenza do alcalde do Concello de Arnoia, Rodrigo Aparicio, o director da Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria (AGACAL), Manuel  Rodríguez, a xefa do departamento agroalimentario da Entidad Nacional de Acreditación  (ENAC), Elisa Gredilla e o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan M. Casares. Este último, sinala que con este acto “culminamos un proceso iniciado hai uns anos co desenvolvemento e implantación do manual de calidade e prego de condicións, feito que fixo que recibíramos da ENAC a acreditación segundo os criterios recollidos na norma UNE-17065 para a certificación dos viños amparados pola D.O. Ribeiro”. Juan Casares confía en que este logro “coloque ao Ribeiro no camiño da excelencia e sirva coma revulsivo nun mercado global cada día máis esixente e competitivo”.