AMICA agradece a Carballiño o Apoio Masivo

AMICA AGRADECE O APOIO MASIVO DO CARBALLIÑO NUN 8M HISTÓRICO NA VILA

Dende que AMICA comezou a súa andaina hai tan só uns meses, cada vez son máis as persoas que se adhiren ós actos organizados no Carballiño para visibilizar a existencia dun colectivo que naceu para loitar por unha igualdade real.

AVANTAR ACTIVIDADES

Na xornada de onte domingo 8 de marzo, unha data marcada en vermello no almanaque de cada vez máis homes e mulleres pola reivindicación que representa, tivo lugar unha marcha polas rúas da nosa vila que contou coa participación de máis dun cento de persoas.

Este fito, inédito ata o de agora nesta bisbarra, supón un premio ó traballo realizado pola nosa Agrupación e sobre todo un recoñecemento de que a causa da defensa da muller está moi presente na nosa sociedade.

Antes de iniciar a marcha, as integrantes de AMICA e todas aquelas mulleres que o desexaron penduraron os seus mandís fronte á porta do Concello en sinal de protesta e paro e como recoñecemento a todas para concienciar do que supón ter que cargar co estigma de asumir de xeito ímplicito os coidados sen remuneración nin recoñecemento de ningún tipo.

A marcha que percorreu as rúas máis céntricas do pobo, rematou de novo fronte ó tendal de mandís onde se leu un manifesto reivindicativo, esixindo ás diferentes administracións cambios efectivos que leven a mudar dunha vez estes roles demasiado arraigados na sociedade que rematan por levar a un empobrecemento e unha sobrecarga de traballo para as mulleres.

Ata que non se establezan medidas reais e pragmáticas esta desigualdade non chegará a revertirse.