Feijóo: medidas para conter o contaxio do coronavirus

Afirma que a Comunidade seguirá en alerta, pendente da evolución do virus, e precisa que, na actualidade, son 27 os casos confirmados e tres os sospeitosos

Feijóo traslada as medidas acordadas na Comisión Interdepartamental centradas na prevención para conter o contaxio do coronavirus

AVANTAR ACTIVIDADES

“Na comisión de hoxe analizamos cos distintos departamentos as medidas que pensamos que se deben activar de forma inmediata en Galicia, para os próximos 15 días e a pesar de ser unha das comunidades con menor incidencia”, di

Asegura que o Goberno galego seguirá informando con rigor e con transparencia e agradece o traballo de todo o persoal sanitario, así como a comprensión da cidadanía

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe as medidas acordadas na reunión da Comisión Interdepartamental para o seguimento do coronavirus e outras enfermidades emerxentes, centradas na prevención para conter o contaxio do COVID-19.

“Na comisión de hoxe analizamos cos distintos departamentos as medidas que pensamos que se deben activar de forma inmediata en Galicia, para os próximos 15 días e a pesar de ser unha das comunidades con menor incidencia”, dixo, referíndose, en primeiro lugar, á limitación dunha persoa por visita a cada paciente ingresado nos hospitais galegos, e a unha persoa por visita a cada maior ingresado nunha residencia da terceira idade.

Así mesmo, comunicou a suspensión das visitas aos centros sanitarios de visitadores médicos e farmacéuticos, ou representantes comerciais de empresas salvo nos casos estritamente necesarios para o correcto funcionamento do centro –como puidera ser levar a cabo un plan de instalación ou formación no manexo dun novo equipo, debendo nestes casos axustarse ao menor número posible de persoas-.

Do mesmo xeito, destacou a suspensión das actividades de voluntarios ou similares nos centros sanitarios; “e promoveranse os sistemas de consulta telefónica, as consultas telefónicas ao 061 ou ao centro de saúde, para evitar desprazamentos aos centros de saúde ou aos hospitais”, engadiu.

No tocante á limitación de aforos, Feijóo asegurou que por criterios de prudencia limitarase o aforo a 1.000 persoas en eventos culturais, deportivos, sociais ou similares que se celebren en recintos pechados. Se ben, aseverou que estas e outras medidas serán debulladas polo miúdo nas vindeiras reunións así como no Consello da Xunta.

“En definitiva, estamos a falar dunhas medidas que buscan evitar os contaxios”, afirmou, incidindo en que a prevención do virus é unha directriz que o Servizo Galego de Saúde, as autoridades sanitarias en Galicia e o propio Goberno autonómico considerarán como un piar básico das súas políticas actuais e futuras. Ao respecto, lembrou a advertencia da Unión Europea, centrada no obxectivo de conter a propagación deste virus.

Ao longo da rolda de prensa, Feijóo afirmou que a Comunidade seguirá en alerta, pendente da evolución do virus, precisando que, na actualidade, son 27 os casos confirmados e tres os sospeitosos.

Logo de aseverar que Galicia trasladará estas medidas ao Consello Interterritorial, “desde a absoluta lealdade”, o presidente da Xunta concluíu a súa intervención recordando que o conselleiro de Sanidade informou a todos os líderes políticos, con ou sen representación parlamentaria, que se presentan ás eleccións autonómicas. Ademais, Feijóo lembrou a conversa mantida no día de onte co presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, quen agradeceu a lealdade, a coordinación e a boa práctica do Servizo Galego de Saúde.

“E seguiremos informando con rigor e con transparencia a toda a cidadanía”, asegurou, agradecendo o traballo de todo o persoal sanitario da Comunidade, así como a comprensión da cidadanía.