Expourense acolleu unha nova reunión do comité organizador de Funergal 2020 para ultimar xa as accións profesionais da próxima edición da Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios que se celebrará en Ourense entre o 21 e o 23 de maio. O Congreso Internacional de Directivos Funerarios, principal novidade desta edición, arrincará o día 21 de maio de forma paralela e complementaria á propia feira que se celebrará os días 22 e 23.
Durante esta reunión foi presentado un avance do programa deste congreso internacional que situará a Funergal como o gran punto de encontro internacional do sector, con Europa e América Latina como continentes destacados. Entre os temas a abordar destacan os relacionados coa xestión ambiental no sector e coa prestación de servizos funerarios sustentables e tamén os que versarán sobre as oportunidades de negocio no mercado internacional e tamén sobre a xestión cultural dos cemiterios.
O programa de conferencias complementarase con varios talleres prácticos sobre temas moi específicos como a tanatopraxia, tanatoestética (reconstrución de cranios) ou sobre a arte floral.
Este congreso incluirá ademais un programa complementario que lles permitirá aos asistentes coñecer a provincia de Ourense e os seus recursos enogastronómicos a través de visitas guiadas ás comarcas do Ribeiro e a Ribeira Sacra que incluirán tamén a visita á fábrica dunha das empresas líderes no mercado internacional na fabricación de cadaleitos.