Propostas de Espazo Común para mellorar a cobertura a cidadanía

IES CHAMOSO LAMAS

ESPAZO COMÚN PROPÓN UNHA BATERÍA DE MEDIDAS PARA TENTAR MELLORAR A COBERTURA QUE O CONCELLO DO CARBALLIÑO ESTÁ A PRESTAR Á CIDADANÍA

Ampliar a 24 horas ao día o teléfono de atención ou impulsar que os recursos económicos municipais redunden nos máis perxudicados por esta crise deben ser obxectivos primordiais

OZOCOgz Deseño Galego

Dende Espazo Común do Carballiño, consideramos que, agora mesmo, o máis importante é garantir a saúde e o maior benestar posible para a veciñanza, deixando de lado confrontamentos políticos e críticas partidistas. Cando todo esto remate, chegará o momento de facer balance e xulgar a xestión realizada por uns e outros, hoxe por hoxe, toca arrimar o ombreiro e remar todos na mesma dirección.

Todos somos conscientes de que nos achamos ante unha situación totalmente insólita e que, por tanto, demanda á sua vez, medidas excepcionais e actuacións rápidas e dilixentes.

É importante ter presente que estamos ante un escenario no que os erros, a improvisación ou o efectismo populista poden chegar a custar vidas. Polo de agora no noso pobo non temos un gran problema de contaxios pero vendo o que acontece moi preto de nós, toda precaución é pouca para que siga sendo así.

Como institución máis cercana á veciñanza, os concellos teñen a enorme responsabilidade de protexer máis ca nunca aos moitos que están a padecer maiores dificultades por causa desta epidemia do COVID19.

Por todo o antedito e co máximo afán de colaborar nesta tarefa, dende Espazo Común imos dar traslado ao alcalde Fumega dunha serie de propostas que se deben acometer dende o Concello do Carballiño para por en marcha tódolos mecanismos muncipais dispoñibles.

En primeiro termo, consideramos imprescindible que os teléfonos postos a disposición dos cidadáns para atender necesidades sobrevidas por causa do illamento, estean operativos  24 horas ao día, os sete días da semana e non só en horario de oficiña de 09:00 a 14:00 como está a acontecer ata o de agora. A demanda de alimentos ou mediciñas pode xurdir polas tardes, en fin de semana ou festivos. Neste eido tamén sería aconsellable habilitar un único número que concentrase tódalas chamadas recibidas.

É importantísimo habilitar mecanismos para o control sanitario de todo aquel persoal municipal que faga tarefas de reparto por domicilios de persoas que o precisen e que está laboura só sexa realizada por persoal preparado para tal función.

Consideramos tamén imprescindible garantir un suministro suficiente de material sanitario a todo o persoal municipal, especialmente ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, dado que este servizo, competencia do Concello aínda que estea externalizado, debe velar pola seguridade e a saúde das auxiliares e dos usuarios, colectivo excepcionalmente sensible ao coronavirus e que debe ser protexido a calquer custo.

Demandaremos tamén que os departamentos xurídico e económico do Concello retomen o seu horario habitual, eso sí, sen atenciónn ao público para previr posibles contaxios.

No caso destas áreas, débese traballar con celeridade para axilizar o pagamento de facturas a proveedores que serviría para dar algo de osíxeno ás empresas locais e que traballen para o organismo municipal. Tamén se deben procurar con urxencia fórmulas para eliminar o cobro de impostos e taxas a comercios, hostaleiros e cidadáns que estean vendo perxudicada a súa actividade profesiónal durante este período de alarma. A nosa proposta é que o tempo que estean sen ingresos, os pagamentos ao Concello sexan suprimidos definitivamente.

Débese elaborar tamén un plan para que o Remanente de Tesourería de 4.000.000 de € anunciado polo alcalde Fumega repercuta o antes posible de xeito directo no apoio aos colectivos máis perxudicados na súa actividade : comerciantes, hostaleiros, autónomos…, así coma nas familias que queden nunha situación máis delicada que non van ser poucas.

Por último, dende Espazo Común non temos por menos que agradecer o enorme esforzo que están a facer moitos traballadores municipais e colaboradores. Policía, Grupo de Emerxencias, Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, traballadoras de Axuda no Fogar e moitos máis que seguen tentando que O Carballiño se manteña libre de coronavirus e a veciñanza protexida.

Pola nosa parte, brindar todo o noso apoio e a nosa certeza de que, se se fan ben as cousas, a nosa vila pronto terá superada esta desagradable situación.