Presunto responsable dun lume no concello ourensán da Peroxa

A Un axente ambiental do Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (Spdcif) da Xunta identificou ao presunto responsable dun lume no concello ourensán da Peroxa.
A colaboración deste axente forestal do Distrito Forestal XII Miño-Arnoia permitiu aos axentes da Policía Autonómica da Xefatura de Ourense iniciar a investigación a un varón de 57 anos como presunto autor dun incendio forestal na parroquia de San Xes que afectou a 0,02 hectáreas de monte raso, segundo as primeiras estimacións. As dilixencias continúan abertas á espera de tomar declaración ao investigado.
O lume iniciouse ás 10,15 horas desta mañá e deuse por extinguido ás 12,02. Para a súa extinción mobilizáronse un axente -que foi quen identificou o suposto autor-, unha brigada e unha motobomba. A actuación do axente ambiental facilitou unha rápida extinción do lume e que este quedara limitado a un conato.
O investigado estaba realizando unha queima de restos agrícolas amoreados, nun momento no que este tipo de prácticas están expresamente prohibidas, xa que quedaron en suspenso dende o pasado día 15 de marzo, de acordo coa resolución publicada no DOG sobre a situación de emerxencia sanitaria polo coronavirus.
A Xunta lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Publicidade