Propostas do Bng de Ribadavia

O BNG ACHEGA UNHA SERIE DE PROPOSTAS SOBRE A RESPOSTA QUE O CONCELLO  DEBE DAR PARA AFRONTAR A CRISE SOCIAL E ECONÓMICA QUE ESTÁ A CAUSAR A PANDEMIA

O BNG de Ribadavia presentou diante do concello o pasado 16 de abril un documento de propostas para un acordo de actuación municipal perante as graves consecuencias que a pandemia está a xerar nos planos social e económico:

AVANTAR ACTIVIDADES

– numerosas persoas maiores que viven en soidade e nas que a extensión do confinamento a bo seguro está a afondar nos seus problemas de saúde física e mental

– familias en risco de exclusión social para as que se acentúan as dificultades cotiás, tanto para atender gastos básicos como para poder seguir a escolarización a distancia dos seus fillos

– traballadores que están a quedar en paro, tanto temporal (ERTE) como definitivo (as previsións falan dunha suba do desemprego dun 7% da poboación activa, o que podería deixar sen traballo ate 200 persoas máis no noso concello para fin de 2020)

– autónomos e pequenas empresas, sobre todo de hostalería, servizos e comercio, a quen o necesario confinamento cortou os seus ingresos de xeito parcial ou mesmo total

– sectores produtivos fundamentais coma o do viño que están a acusar un considerable descenso de vendas mentres teñen que manter os gastos de explotación

Tendo en conta a excepcional gravidade da situación e a configuración da representación municipal, faise necesario a adopción de medidas froito do acordo, sen que se reproduza o patrón de actuación que o PP con maioría absoluta segue na Deputación de Ourense e máis na Xunta.

Por todo elo propomos que dende o concello se acometan:

-a elaboración de informes dos distintos servizos municipais sobre as necesidades máis urxentes no seu ámbito de actuación

– redacción dun informe no que a intervención e a tesouraría municipal expoñan cales son as partidas económicas que o concello non gastou nin vai utilizar, así como aqueles gastos extraordinarios que se realizaron ou vaian necesitar mentres dure o estado de alarma

– unha vez coñecido o balance, e supondo que quedan certas partidas sen gastar, destinar eses recursos a atender os problemas anteriores

– demandar doutras administracións, fundamentalmente da Deputación provincial a achega de fondos á nosa institución, xa que os concellos están asumindo tarefas que non son da súa estrita competencia

Unha vez cuantificadas as dispoñibilidades económicas acordar un plan de actuación do concello que tería os seguintes puntos de actuación:

– plan de emerxencia social ás familias en risco de exclusión, persoas maiores dependentes ou que viven soas, persoas discapacitadas, estudantes, que incluiría o reforzo de persoal de SAF e das axudas de emerxencia a estes colectivos

– programa de axuda a autónomos e pequenas empresas para paliar menoscabos producidos durante o estado de alarma: pagamento de cuotas de seguridade social, bonificación de impostos

– plan especial de promoción económica da hostalería e o comercial local: celebración de actividades e axudas extraordinarias para recuperar a afluencia de clientes cando se reabran os establecementos

– programa de reforzo escolar para axudar á infancia no regreso ás aulas e facilitando durante o verán a actualización de aprendizaxes de cara ao vindeiro curso

– programa de promoción do viño do Ribeiro aproveitando os fondos da Feira do Viño

– plan de emprego destinado a conseguir a empregabilidade das persoas en paro

– impulso de obras públicas para reactivar o sector da construción, paliando o deterioro de espazos públicos e recuperando emprego