Comunicado do Psdeg-Psoe

IES CHAMOSO LAMAS

O GOBERNO CENTRAL DESTINOU MÁIS DE 9,4 MILLÓNS EN AXUDAS ÓS AUTONÓMOS E AUTÓNOMAS DE OURENSE DURANTE OS MESES DE MARZO E ABRIL

Nese período foron recoñecidas e abonadas 8.031 prestacións extraordinarias na provincia, o que representa o 98,74 % das solicitadas, cun importe medio de 750 euros
O PSdeG-PSOE destaca a “máxima axilidade” coa que o goberno de Sánchez xa aprobou, tramitou e pagou estas axudas “fundamentais para que moitas familias poidan manter as súas economías”

HIPER MASIDE

O Goberno central xa destinou 9.437.606 euros en axudas ós autónomas e autónomas de Ourense durante os meses de marzo e abril de 2020, afectados pola paralización económica derivada da emerxencia sanitaria causada polo virus SARS-CoV-2. Durante ese período foron recoñecidas e abonadas 8.031 prestacións extraordinarias, o que representa o 98,74 % das solicitadas, cun importe medio de 750 euros. Unha cifra similar será pagada novamente a miles de ourensáns polo mes de maio.

Os autónomos e autónomas poderán cobrar esta axuda ata o último día do mes no que remate o estado de alarma, unha situación que o executivo presidido por Pedro Sánchez quere estender ata finais do mes de xuño. Así mesmo, a Tesourería Xeral da Seguridade Social da provincia xa devolveu a parte correspondente das cotas de marzo ás persoas que tiñan concedida a prestación e nas próximas semanas procederase á devolución das cotizacións de abril a aqueles a quen se lles recoñeceu posteriormente.
O PSdeG-PSOE de Ourense destaca a “máxima axilidade” coa que o Goberno central “xa aprobou, tramitou e pagou estas axudas fundamentais para que moitas familias poidan manter o equilibrio das súas economías durante esta emerxencia sanitaria e os período de reincorporación á actividade laboral”. “Estamos a falar dunha prestación universal que reciben e recibirán todas as persoas que presentan unha solicitude que cumpre os requisitos, a diferencia doutras axudas como as artelladas pola Deputación ou polo Concello de Ourense, onde existe un tope orzamentario que limitará o acceso a estes fondos”, salientan os socialistas. “Os autónomos ourensáns seguirán a percibir esta axuda económica tamén, como mínimo, durante os meses de maio e xuño, o que suporá un novo pulo social millonario na provincia por parte do executivo de Pedro Sánchez”, insisten.

A esta prestación extraordinaria ten acceso calquera traballador ou traballadora por conta propia afectado polo peche debido á declaración do estado de alarma ou cuxa facturación caia un 75% respecto á media mensual do semestre anterior. No caso dalgúns colectivos como o réxime agrario, do mar ou da cultura e o espectáculo, o período de cálculo adáptase ás súas peculiaridades. O importe da axuda é o equivalente ó 70 % da base reguladora. Na actualidade, o Goberno está a estudar a viabilidade dos cambios lexislativos necesarios para estender a súa vixencia ao igual que se fixo cos ERTE.