Comunicado da CIG: ADOLFO DOMÍNGUEZ S.A. non quixo chegar a acordos na negociación do ERTE

Despois de numerosas reunións da comisión negociadora, o período de consultas chegou ao seu fin sen acordo.
A representación da empresa negouse a aceptar a práctica totalidade das reivindicacións que a representación sindical puxo por riba da mesa.
Nin recuperación do 50% das vacacións e pagas extras non xeradas por estar en situación de regulación temporal; nin a aportación dun complemento salarial que rebaixara a perda económica das traballadoras por estar cobrando prestacións do 70% da base de cotización.

Publicidade

Unicamente chegaron a aceptar que a duración non podía ir máis alá do 31 de decembro (como non podería ser doutra maneira, pois como a propia negociadora da empresa recoñeceu que o que primaba ante todo era abrir a totalidade das tendas canto antes, e poñer a produción a pleno rendemento para abastecelas); e apuntaban como cesións da empresa cuestións recollidas no Real Decreto 8/2020 como a fomento do teletraballo, ou a protección das persoas pertencentes aos grupos de especial risco.
En resumen, ADOLFO DOMÍNGUEZ S.A. non quixo chegar a un acordo, porque a súa única pretensión desde o primeiro momento foi que o custe económico e social desta tráxica situación recaera nas persoas traballadoras.
Desde a CIG esiximos a necesaria celeridade na apertura de tendas e na posta en marcha da produción a fin de poder reincorporar ao persoal no menor tempo posible. Máis aínda tendo en conta que, de non producirse cambio legal algún, a partires do 30 de xuño comeza a correr o tempo de paro que imos consumindo, e a prestación baixaría, de se prolongar o ERTE, ao 50% desde o 1 de xaneiro de 2021.
Por último, reclamamos da empresa que non recorra á adopción de medidas de castigo como a prolongación da duración do ERTE.