A Deputación homenaxea aos empregados públicos xubilados, na festividade de Santa Rita

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polo vicepresidente da institución provincial Plácido Álvarez, presidiu con motivo da festividade de Santa Rita de Cassia, padroa dos traballadores da Administración Local, o acto de homenaxe aos empregados da Deputación que se xubilan este ano. Debido á crise do COVID-19 esta tradicional celebración trasladouse nesta edición ao salón de plenos e contou soamente coa presenza dos traballadores homenaxeados.

O presidente Baltar, quen entregou un obsequio aos galardoados, agradeceulles “os anos de traballo e dedicación profesional a prol da Deputación de Ourense, dos veciños e dos concellos da provincia”, e dixo que por mor da crise sanitaria “esta celebración convértese nun acto único na historia da Deputación, porque a situación nos obriga a facelo aquí, pero cos verdadeiros protagonistas desta institución: os traballadores que hoxe homenaxeamos e que son parte da historia da Deputación de Ourense, que vai xa para preto de douscentos anos de existencia”.

AVANTAR ACTIVIDADES

No seu discurso, Manuel Baltar expresou que a vinculación dos empregados xubilados coa Deputación “non acaba aquí, porque sempre seredes Deputación de Ourense, unha administración que fixestes vós durante estes anos de traballo, e que seguirán facendo outros”, sinalou Baltar.

Os traballadores que participaron no acto e recibiron o agasallo e recoñecemento da Deputación de Ourense foron: Manuel Babarro Fernández, 14 anos de labor profesional na Deputación de Ourense; José Lorenzo Rodríguez Rodríguez, 19 anos de labor profesional; Ricardo Martínez Iglesias (26 anos); María Pilar Reboredo Piñeiro (27); Jaime García León (28); Peregrina Garrido Fernández (29); Francisco Fernández Gallego (33); Jaime Leites Melón (33); Manuel Vilas Rodríguez (33) e Manuel Traveso Santana (39).