Bodegas Nairoa de Arnoia e ‘os Forasteiros’ protagonizan a segunda xornada de Cata a Arte en Ourense

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Nairoa, a adega sita no corazón de Arnoia, presentou onte os seus tres viños brancos Alberte, Val de Nairoa e Alberte Doble Lías e o seu tinto Alberte, no segundo evento do ciclo “Cata a Arte” acompañados da música country de Os Forasteiros e os bocados gastronómicos creados por Restaurante Tizar para a especial ocasión. A acción tivo lugar no primeiro andar do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, lugar onde está situada a exposición “Saudade de soños” de Lola Doporto, coa súa pintura máis recente, manequíns e figuras aparentemente perturbadores.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Con aforo completo, os asistentes a esta sesión de música, gastronomía e viño puideron harmonizar á perfección os catro viños da adega cos petiscos hot roll sushi, tempura de langostino, salmón marinado e taco de carrilleira, deseñados e elaborados polo restaurante ourensán Tizar Gourmet. Todo esto acompañado da música de Os Forasteiros, banda que olla ao country, ao folk, ao bluegrass e ao cajún. Cruzan esas fronteiras musicais e propoñen unha alegre e orixinal proposta grelo-western con temas propios en galego e versións do repertorio country e bluegrass clásico. A banda estrenou no 2018 o seu primeiro EP orixinal titulado ‘Grelos Western’. Os Forasteiros, liderados polo cineasta italo-galego Simone Saibene, toman vida na Garizona ourensana no 2013. Simone Saibene (voz e guitarra) é o compositor dos temas e o único elemento fixo do grupo. Moitos músicos acompañaron e acompañarán ao grupo en concertos e gravacións.

Nesta sétima edición continuouse coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (AFAOR),  organización sen ánimo de lucro que leva 26 anos de traxectoria mellorando a calidade de vida dos seus usuarios e apoiando a coidadores e familiares. Para cumprir coa labor, conta cunha rede de colaboración entre entidades públicas, privadas e asociados pensando en ofrecer servizos especializados que faciliten o día a día dos pacientes con Alzheimer e o seu entorno.

Viño e arte

O ciclo celébrase en catro xornadas no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 4 de novembro ata o 2 de decembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais. O seu aforo está limitado a 50 persoas por xornada, e as prazas serán cubertas por orde de retirada dos convites de xeito presencial no Centro Cultural dende o luns anterior a cada evento.

O 18 de novembro continuaremos coa cata de Vinos con Personalidad, onde Pablo Vidal presentará en cata vertical o seu viño branco Renacido e o seu novo viño tinto, Big Bang, acompañado do dúo acústico Slastic, formado por baixo e guitarra. E para rematar esta sétima edición, o broche final poñerao o 2 de decembro a Bodega Alanís, que presentará o seu viño Gran Alanís 2020 en harmonía co espectáculo musical de  Queiman e Pousa.

Bodegas Nairoa

Nas soleadas ladeiras de Arnoia medran as súas cepas ancestrais, a unha altitude media de 300 metros, onde os solos graníticos e un clima atlántico marcan a calidade das uvas. Unha viticultura tradicional e de baixos rendementos, garante a obtención dunhas uvas nas que se reflicte o carácter varietal e do “terroir”. Así chegan á adega, onde son elaboradas con respecto. A orelas do río Arnoia nun edificio de arquitectura tradicional sitúanse as modernas instalacións de Bodegas Nairoa. Coas mellores materias primas, unha vinificación tradicional e a aplicación dos últimos avances tecnolóxicos están elaborando os seus viños de alta expresión, personais, complexos e harmónicos.