O Psdeg-Psoe de Ourense responsabiliza a Jácome e ao PP do retraso na redacción do Pepou e esixe que o bigoberno desista do “traslado temerario” da oficina do Peri

IES CHAMOSO LAMAS

Advirten que o desleixo do rexedor e a conivencia dos populares fan perigar a aprobación do documento e instan á “contratación inmediata” do persoal necesario para conseguir axilizar a redacción

Lamentan que o alcalde de Ourense non priorice a oficina de rehabilitación, “que xestiona subvencións por importes millonarios”, pero si dote de persoal un Centro de Intelixencia Artificial “inútil”

OFERTA DE TRABALLO EN AVIÓN

O PSdeG-PSOE de Ourense responsabiliza a Jácome e aos seus socios de goberno do Partido Popular do retraso na redacción do Plan Especial das Burgas (PEPOU) e esixe que o bigoberno desista de xeito inmediato do “traslado temerario” da oficina do PERI, un movemento “perpetrado polo alcalde coa conivencia dos populares que supón o desmantelamento efectivo e encuberto dun servizo fundamental”.

“O plan debe estar aprobado de xeito provisional antes da data límite, en decembro de 2021, pero a día de hoxe non é seguro que isto vaia acontecer posto que, durante o último ano, Jácome desentendeuse das súas responsabilidade e dedicouse a ignorar as peticións cursadas dende a oficina municipal do PERI, maltratando os funcionarios que alí desenvolven o seu labor e torpedeando intencionadamente unha figura de planeamento de vital importancia para a cidade”.

Así o manifestaron os socialistas trala comisión de seguimento do PEPOU celebrada esta mañá no salón de plenos do Concello de Ourense, onde o grupo do PSdeG-PSOE reiterou o seu apoio e colaboración para lograr a aprobación do documento e esixiu que o goberno local deteña o traslado “inminente e sen previo aviso” da oficina de rehabilitación a unhas dependencias 46 metros cadrados “que supoñen a disgregación e precarización dun servizo de por si, saturado”.

“Se non conseguimos impedilo, o servizo de VPP e PERI que realiza as súas funcións nunha superficie de 115 metros cadrados será trasladado a unha sala na que debe ter cabida persoal, equipos, arquivo e atención ao público, algo fisicamente imposible ademais de neglixente en relación ao cumprimento das medidas de seguridade e saúde no traballo. En definitiva, un cambio carente de lóxica”, lamentan.

Neste sentido, ademais de instar ao mantemento da oficina do PERI nas dependencias actuais da rúa Primavera, esixen que o bigoberno local proceda á “contratación inmediata” do persoal necesario para conseguir axilizar a redacción do PEPOU, ao tempo que condenan que o alcalde “non priorice a contratación de traballadores para a oficina de rehabilitación, que xestiona subvencións por importes millonarios, pero si dote de persoal un Centro de Intelixencia Artificial inútil”.