O Psdeg de Punxín solicita a elaboración dun “censo de persoas que viven soas”

As voceira socialista, Lorena Peleteiro, vén de presentar unha moción na que solicita a “elaboración dun informe no que se recolla o censo de persoas que viven soas, para poñer en marcha, a partires do mesmo, un plan municipal para realizar un seguimento periódico destas persoas.”
Segundo datos do INE, un 40,55 % da poboación de Punxín supera os 65 anos, e moitas desas persoas residen soas, polo que sinalan as Concelleiras Socialistas, que é necesario “aproveitar as vantaxas que nos da ser un Concello pequeno, para estar pendentes da nosa poboación, especialmente da máis vulnerable e das persoas maiores, coas que a sociedade temos unha gran débeda.”
Sinalan dende o Grupo Municipal Socialista, que a situación vivida nos últimos meses, puxo máis de relieve a importancia duns servicios sociais de calidade e da necesidade de tomar medidas ante a soidade que están a sufrir moitos veciños e veciñas, polo que consideramos imprescindible un acompañamento periódico desta poboación, para tentar resolver na medida do posible as súas carencias.