Ribadavia prepara varias actividades culturais para celebrar a festividade de San Xoan

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Unha exposición, contacontos e cine ao aire libre son as actividades que ten preparadas o concello para dinamizar a actividade cultural nesta semana

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Concello de Ribadavia prepara varias actividades culturais para celebrar a festividade de San Xoan. Entre as actividades programadas atópase unha exposición sobre a obra de Luis Dávila, contacontos e cine ao aire libre.

O luns, día 22 de xuño, ás 20:30h. inaugurarase unha exposición ca recopilación das 64 mellores de viñetas do artista galego Luis Dávila dedicadas sobretodo ao viño e ao turismo. A entrada a esta exposición, que estará ubicada na igrexa da Madalena entre o 22 de xuño e o 5 de xullo, será de balde, e os horarios de visita son de 11:30-13:30h e de 19:00-21:00h, de luns a domingo.

Por outra banda, o día 23 de xuño a actividade cultural estará diversificada con contacontos para os mais cativos ás 20:00 na Alameda, e cine ao aire libre no auditorio do Castelo. Os mais cativos poderán disfrutar de “A Corva” compoñedora de contos na alameda de Ribadavia, unha actividade que dará comezo ás 20:00 e na que as crianzas que asistan deberán levar consigo unha folla de papel de periódico.

Ese mesmo día 23, ás 23:00 no auditorio “Rubén García” do castelo de Ribadavia poderemos disfrutar da estrea do filme “María Solinha”, un filme dirixido por Ignacio Vilar que estará presentando a súa película acompañado de membros do reparto da mesma. Estas dúas actividades, o contacontos e o cine ao aire libre, son de balde pero teñen aforo limitado, polo que as persoas que queiran asistir terán que retirar as súas invitacións na casa da cultura de Ribadavia, ata o propio día 23, en horario de 9:00 a 14:30, ata completar aforo.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, afirmou que “Iniciamos o tránsito cara a esta nova normalidade programando actividade cultural adaptada xa aos novos protocolos de seguridade porque para nós a actividade cultural segue a ser un elemento clave para a dinamización socioeconómica de Ribadavia. Para o goberno municipal a actividade cultural é de vital importancia, de tal xeito que, se na etapa pre-covid19 Ribadavia era referente cultural na provincia, queremos que agora, nesta nova normalidade, Ribadavia continúe a ser referente de actividade cultural e un concello modelo sobre como se debe adaptar esta oferta cultural á nova normativa e aos novos protocolos.”