As peñas da Unión Deportiva Ourense e diversos seareiros/as do club diriximos este manifesto a toda a afección do fútbol na provincia de Ourense e a todos os ourensáns en xeral.

Obxectivos da UD Ourense

Os alicerces básicos da Unión Deportiva Ourense (entidade sen ánimo de lucro) son honrar a memoria de CD Ourense (nunca suplantalo), potenciar o deporte base e o deporte en xeral. Divulgar a riqueza de Ourense e provincia. Fomentar o espíritu de unión, deportividade e compañeirismo. O obxectivo deportivo da Unión Deportiva Ourense non ten límite. Aspiramos a chegar ás categorías máis altas.

Impulsores da fusión

Ourense CF: O Ourense CF coas súas correspondentes denominacións (Puente CF, Ponte Ourense CF e Ourense CF) supera os 40 anos de vida. Neste tempo nunca estivo nunha categoría superior á 3ª división. Este club acumula unha débeda recoñecida de 650.000 euros o que deixa claro que non é sostible nin en terceira división. Este concepto choca frontalmente co da UD Ourense nun aspecto esencial: o de fomentar a base, entre outras cousas, para nutrir ás plantillas dos primeiros equipos de Ourense, como se constata na presenza residual de xogadores ourensáns no Ourense CF.

Concello de Ourense: O novo club que xurdiría da desaparición da Unión Deportiva Ourense estaría baixo a propiedade do Concello de Ourense. Consideramos que unha institución pública NUNCA pode ser a propietaria dun club porque, aínda que as intencións iniciais puideran ser boas, con frecuencia cambian de cores políticos (nos últimos 13 anos, tivemos 7 alcaldes diferentes) quedando o proxecto supeditado ós intereses das sucesivas corporacións.

Conclusións: NON A FUSIÓN

As peñas da Unión Deportiva Ourense rexeitamos esta operación que supón, na práctica, a nosa desaparición cando levamos cumpridos en só 6 anos de vida os nosos obxectivos: un club que deportivamente pasou desde 2014 de 3ª Rexional a 3ª División, os equipos da nosa base están nas mesmas categorías a pesar da carencia de instalacións que sufrimos historicamente, socialmente somos un club consolidado na cidade de Ourense e agardamos chegar a selo tamén na provincia e economicamente somos un club saneado dende a súa fundación gracias ó traballo das directivas, voluntarios e seareiros en xeral e ó impagable apoio dos nosos patrocinadores.

Non contemplamos como opción a fusión (ou absorción por calquera das partes) con un club que en máis de 40 anos chegou a mesma categoría que nós en só 6 (aínda que este ano poda rematar unha por adiante), que socialmente se permitiu renunciar a súa fiel masa social no seu barrio de nacemento (A Ponte) a cambio de non ter practicamente seareiros/as e que para ter a opción de acadar un éxito deportivo nunha categoría como a 3ª División acumula unha débeda recoñecida de 650.000 euros.

Non contemplamos como opción que o propietario do novo club que poda xurdir de nós sexa o Concello de Ourense coa alternancia propia dunha institución pública, non podemos permitir que o noso futuro o decida a corporación municipal que estea nun momento concreto.

Consideramos ó Concello de Ourense un aliado perfecto en termos estratéxicos como é o reparto de instalacións para que poidan adestrar tanto a base (do noso club e de tódolos demais da cidade de Ourense) como o primeiro equipo. Lembramos que a UD Ourense chegou a ter que pagar 20.000 euros anuais para poder adestrar.

Non renunciamos, ó contrario, solicitamos as subvencións competitivas que corresponda á UD Ourense ó igual que calquera outro club da cidade (nin máis, nin menos) e as opcións de patrocinio que puideran xurdir en calquera momento.

Reflexión final

As peñas da Unión Deportiva Ourense non nos marcamos ningún límite para o noso club. Aspiramos deportivamente a chegar as cotas máis altas, temos moi claro que se outras cidades e provincias similares (Eibar, Girona, Huesca, Lugo, Miranda de Ebro, Ponferrada …) están en categorías superiores, Ourense non vai ser menos. Pero os pasos vanse dando pouco a pouco, un a un.

A afección da UD Ourense nunca vai a ser un obstáculo para o crecemento do noso club, da nosa cidade e da nosa provincia. Comprometémonos a estudiar todas as propostas que nos cheguen para a mellora do noso club e por extensión de todo Ourense.

Nós témolo claro, imos a pola tempada 2020/21 con toda a ambición do mundo e convidamos a todo Ourense a sumarse ó noso proxecto. Un proxecto, repetimos, no que calquera proposta que queira sumar é ben recibida.

Por último, queremos enviar unha mensaxe a todos os clubs e seareiros da provincia de Ourense. Nós nunca seremos os vosos rivais, nós seremos os vosos compañeiros de viaxe e soñamos con que algún día todo Ourense estea orgulloso da Unión Deportiva Ourense.

Ourense sodes vós, a afección