O pleno de Celanova asume todas as propostas do BNG para a reactivación do comercio local

•      O BNG impulsa a creación dun banco de locais para alugueiro, consolidar espazos de co- working e editar unha guía de circuítos curtos de consumo, así como prover formación aos comerciantes e elaborar un estudo sobre o sector.

Publicidade

•      O grupo de goberno volve ter sobre a mesa un acordo maioritario  para revitalizar as feiras dos xoves, rebaixar o IBI, suspender taxas e crear unha oficina de orientación para empresas e autónomos que se negou a aplicar en xuño.

“Pola súa inexperiencia  pagamos todos, pagou o pequeno comercio.  Pola súa teimosía e non querer  mirar  de fronte á realidade  perdemos  seis meses desde  xuño,  cando  acordamos   medidas  que  hoxe  temos  que  volver  acordar  porque   o goberno  non quixo cumprir o acordado.  Todas esas medidas, aos comerciantes lles parecen imprescindíbeis e urxentes. E sabe o que  nos preguntaron cando  estivemos reunidos  con eles: ‘por que se o acordo se tomou por maioría en xuño, o alcalde aínda non se molestou en aplicalo?’ Esa pregunta terá que respondela  vostede, señor alcalde”, protestou Leopoldo Rodríguez, concelleiro  do BNG na corporación municipal  de Celanova, que celebrou  onte un pleno ordinario no que as únicas mocións que se debateron foron  precisamente as dos nacionalistas, porque  o PP (6 concelleiros)  non  presentou nin  unha  e o grupo  do goberno limitouse a traer á sesión un trámite sobre un plan medioambiental para investir 6.000 euros, e porque  a directiva da asociación de comerciantes rexistrou un escrito demandado accións que o BNG apoiou, pero que non se poden concretar en acordos plenarios que comprometan (cando menos politicamente ao alcalde) porque  os comerciantes decidiron  limitar o alcance da súa demanda.

De esta forma,  a única moción  que se debateu e saíu adiante foi a presentada polo BNG. As propostas nacionalistas inclúen  a creación  dun  banco de locais comerciais  en desuso para sacalos ao mercado  en  réxime  de  alugueiro  co Concello  como  avalista para  moderar os prezos. O portavoz  de Celanova Decide, Javier Pulido, dixo que ese banco xa existe. O BNG descoñece a existencia de tal ferramenta municipal,  e solicitará ao goberno municipal información precisa sobre a mesma, dado que é evidente que, de existir, nin se deu a coñecer nin ten efecto ningún. Nesta e noutras propostas das que asegurou que xa están en marcha

(mais non foi quen de dicir cales), xustificou o alcalde a abstención do seu grupo.

O resto dos grupos  apoiaron  a moción  ao completo,  incluído  o PSOE -socio do alcalde no goberno  municipal-.  Ademais  do  banco  de  locais para  alugueiro,  o texto acordado  inclúe políticas municipais  para consolidar  espazos de co-working  e editar unha  guía de circuítos curtos de consumo, así como prover  formación aos comerciantes e elaborar  un estudo sobre o sector.

Propostas acordadas por segunda vez (agora, co apoio do PSOE)

Ademais, o goberno volve ter sobre a mesa un acordo maioritario para revitalizar as feiras dos xoves, rebaixar o IBI, suspender taxas, dotar un fondo de axudas para autónomos e empresas para compensar os gastos de adaptación dos negocios á nova situación sanitaria e crear unha oficina de orientación para empresas e autónomos que se negou a aplicar en xuño.

Son as propostas aprobadas  no pleno  de xuño.  Malia  que o PSOE non  fixo  nada desde o goberno   local  para  poñelas   en  marcha,   no  pleno   deste  mércores   votou  a  favor.   As explicacións da voceira socialista foron  confusas e non ficou claro se desta volta o grupo que sostén a Alcaldía ten vontade de cumprir co acordo.

O escrito dos comerciantes

O BNG lamenta que  as propostas dos comerciantes (crear un  ‘market place’, un  bono  de incentivo ao consumo  local e un servizo de reparto)  saísen do pleno  sen o reforzo  dunha votación que terían ganado. O BNG contemplaba as dúas primeiras  medidas  na redacción inicial da súa moción, mais despois da xuntanza coa directiva de Celanova CHEA o 7 de novembro,  e de acordo cos representantes dos comerciantes, considerou  que se as propostas eran  coincidentes tería máis forza  apoiar  unha  moción  presentada polos  propios comerciantes.   De   feito,   a   semana   seguinte,   achegou   información   á   asociación   de comerciantes sobre medidas similares en concellos gobernados  polo BNG e información estatística (a pouca que hai para analizar a situación) sobre o sector terciario en Celanova.

A rúa do Cercado

O PP, o PSOE e o grupo  do Alcalde votaron en contra de debater a moción  presentada polo BNG sobre  a necesaria reforma da rúa do Cercado onde  o aumento do número  de peóns incrementou os riscos pola falta de beirarrúas no tramo alto da rúa. Estes grupos coincidiron no argumento á hora  de impedir  o debate: dixeron  que  non  é urxente abordar  o asunto “porque  o problema leva aí anos”. O PP indicou que estaba disposto a debater a cuestión pero que non entendía porque  se presentaba por vía de urxencia. O portavoz nacionalista explicou as razóns que atrasaron o rexistros desta e das demais mocións  do BNG ao martes  17 de novembro e que non vía impedimento, se era certa esa vontade, para tela debatido onte.

A moción sobre a residencia

O BNG decidiu non someter o pleno a moción  na que solicitaba que o Concello de Celanova concedese a axuda de 72.000 euros que pide a Residencia San Carlos -golpeada pola crise da

covid en marzo  co resultado de 9 falecementos a causa do virus, e 65 persoas contaxiadas entre residentes e traballadoras, a maior  crise de saúde pública na historia recente da vila- e acordase  á persoa  que  vai representar á corporación municipal  no  Padroado  que  rexe  o centro de maiores.

O BNG pretendía facer efectivo o acordo  adoptado por  unanimidade pola  corporación en setembro, despois de que a xunta xeral do Padroado respondese a aquel convite mostrando a súa disposición a convidar a familiares de usuarias e representantes políticos a formar parte do  mesmo.  Mais  desde  o  mesmo  día  que  o  Padroado,  coa sinatura do  seu  presidente, Cesareo Iglesias, rexistrou o 11 de novembro no Concello de Celanova un escrito de conformidade co convite, o BNG apreciou dúbidas entre o resto de grupos.

En especial, entre a Alcaldía e os seus socios socialistas, que  NON informaron o resto de grupos e á veciñanza da predisposición do Padroado, eludindo  o seu deber tanto co PP como co BNG que apoiaron  o acordo  de setembro, como coas familias  e os propios  membros  da dirección da residencia.

O BNG fixo o que estaba na súa man para dar conta da predisposición do Padroado e deu a coñecer o substancial da resposta dos xestores da Residencia. E solicitou a todos os grupos avanzar mantendo a unanimidade na dirección que marca o acordado en setembro.

Un escrito publicado  o martes no Facebook da Residencia San Carlos e asinado por Cesareo Iglesias, matizaba o acordado  na xunta xeral do Padroado e solicitaba máis tempo para “modificar  os  estatutos”  aprazando   a  incorporación  de  familias   e  novos  membros   da corporación á xestión do centro.

O BNG entende que o Padroado  e os seus membros  necesitan tempo para aclararse, que o PP e o grupo de goberno -inexperto e incapaz de dar resposta en oito meses a ningún asunto transcendente derivado  da pandemia-  tamén necesitan tempo para reafirmarse nas conviccións que están na base do acordo de setembro.

O BNG ten claro que é o que o Concello pode  facer pola  Residencia de Celanova: axudar economicamente para que se reforce  a atención e axudar  na xestión a un padroado  que xa en marzo pasado mostrou carencias na xestión dunha crise. Nin as maiores nin as familias nin as traballadoras teñen tempo nin a emerxencia  sanitaria que estamos a padecer deixa  demasiada  marxe.  O BNG pensa que non hai tempo que perder  e por iso urxe falar disto en condicións de chegar a un acordo.

***