A Xunta ofertará 72 prazas nos seis campos de voluntariado que desenvolverá este verán na provincia de Ourense

CAMPAMENTO A DEVESA. RIBADEO.

O prazo de inscrición xa está aberto para os maiores de 18 anos de Galicia que desexen participar nesta iniciativa que oferta un total de 348 prazas

Ourense contará con dous novas iniciativas que terán lugar en Ribadavia e O Pereiro de Aguiar

AVANTAR ACTIVIDADES

As actividades desenvolveranse baixo as medidas de prevención e seguridade ditadas polas autoridades sanitarias

Dentro da campaña O verán que necesitas, a Xunta de Galicia oferta 29 campos de voluntariado, dos que seis se desenvolverán na provincia de Ourense. En total, poranse á disposición dos maiores de 18 anos da comunidade 348 prazas, das que 72 corresponden aos campos que se levarán a cabo nos concellos ourensáns.

A delegada territorial en funcións da Xunta en Ourense, Silvia Dorado Morales indicou que na provincia de Ourense, a incorporación de dous campos de voluntariado: O noso rural, a nosa istoria, en Ribadavia na modalidade de festival e cultural; e Leñoá, no Pereiro de Aguiar na especialidade de ambiental, patrimonial e festival, é unha das novidades que ofrece a campaña.

Así mesmo, este ano hai tres novidades principais nesta iniciativa: os campos serán de ámbito autonómico con prazas só para mozos e mozas de Galicia; a convivencia será dun máximo de 12 persoas participantes, máis o equipo técnico; e as actividades desenvolveranse baixo as medidas de prevención e seguridade ditadas polas autoridades sanitarias.

A situación provocada pola emerxencia sanitaria derivada da covid-19 fai moi necesario ofertar á mocidade un recurso de educación non formal para o tempo de lecer. Os campos de voluntariado son actividades encamiñadas a favorecer e fomentar a convivencia, a tolerancia e a solidariedade. Polo tanto, permitiralles beneficiarse, coas máximas garantías de prevención e hixiene, dunha experiencia enriquecedora.

Silvia Dorado sinalou que ademais das dúas novas iniciativas, na provincia ourensá levaranse a cabo campos de voluntariado noutros catro municipios: o etnográfico Esgos, no concello de Esgos; e os tres ambientais Parque Natural do Xurés, en Muíños; Glaciar do Cenza, en Vilariño de Conso; e Manzaneda, no concello de Manzaneda.

Como solicitar praza

O prazo de inscrición xa está aberto e pecharase 3 días antes do inicio de cada campo. As prazas serán adxudicadas, mentres existan vacantes, por orde de recepción. A solicitude presentarase mediante un formulario en liña, que estará dispoñible na páxina web xuventude.xunta.es, onde se pode consultar toda a información sobre esta actividade. A cota de inscrición para todos os campos é de 110 euros; con desconto dun 25% por Carné Xove, familia numerosa ou monoparental.