O Psdeg-Psoe aprobará o plan de transporte metropolitano de Ourense nos primeiros meses de lexislatura

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Psdeg-Psoe aprobará o plan de transporte metropolitano de ourense nos primeros seis meses da lexislatura tras unha década de marxinación de Feijóo

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

AUDIO No audio interveñen Juan Carlos Francisco e Rafa Villarino.

Francisco destacou que “Feijóo está condenando aos concellos da contorna” e “aos veciños e veciñas á desconexión máis absoluta” tras manter a Ourense como a única área galega sen este servizo

Villarino preguntou “que ten Feijóo contra Ourense” por esta “marxinación inédita” e denunciou a “desfachatez” de Ethel Vázquez por anuncios electoralistas obviando un plan que é competencia súa

 O PSdeG-PSOE aprobará o plan de transporte metropolitano de Ourense e constituirá formalmente a área metropolitana da terceira cidade de Galicia nos primeiros seis meses da nova lexislatura con Gonzalo Caballero de presidente da Xunta. A candidatura ao Parlamento galego compareceu hoxe na capital acompañada de alcaldes e portavoces de todos os concellos da contorna para denunciar o “vilipendio” de Feijóo, tras convertela na única área urbana galega sen plan de transporte mancomunado, a pesar de ter ao longo do último lustro “dous alcaldes da súa corda”. “Que ten Feijóo contra Ourense”, preguntáronse.

O candidato número dous, Juan Carlos Francisco, destacou que “Feijóo está condenando aos concellos da contorna á desconexión máis absoluta” porque “é incapaz de por de acordo co resto de municipios ao exalcalde de PP e agora a Jácome”. “Feijóo condena á poboación da área metropolitana, cada vez máis envellecida e con maiores problemas de mobilidade, á imposibilidade de desprazarse en transporte público regular”, insistiu.

“Estamos ante unha mentira máis do señor Feijóo” que amosa “a súa nula vontade e compromiso coa provincia”, advertiu tras sinalar que “reitera o seu incumprimento, ano tras ano, para implantar o transporte metropolitano”. “Os incumprimentos de Feijóo con esta cidade, esta área metropolitana e esta provincia son unha afronta que os nosos veciños e veciñas non merecen”, insisten os socialistas. Fronte a isto, Francisco anunciou o compromiso do PSdeG para corrixir a situación coa constitución da área metropolitana e a posta en marcha do plan de transporte no primeiro semestre da nova lexislatura.

Pola súa banda, Rafa Villarino, preguntou “que ten Feijóo contra Ourense” tras manter á cidade e aos municipios metropolitanos “nunha marxinación inédita en Galicia”, xa que todas as urbes galegas desfrutan deste servizo desde hai anos. “Ethel Vázquez tivo a desfachatez de vir hai poucos días a presentar electoralistamente unha tarxeta para viaxes da xente nova por toda a provincia, cando levamos 25 anos agardando polo transporte metropolitano que depende dela e polo que non fixo nada”, advertiu.

Villarino recordou que, cando presidía Emilio Pérez Touriño a Xunta, “había un plan e un sistema de financiamento que foi paralizado en canto o PP chegou ao goberno galego en 2009”. “Hoxe poderían estar desfrutando 150.000 persoas deste servizo nunha área que podería ser a maquinaría máis potente da economía” e que “está paralizada unha vez máis”. “Feijóo ten que deixar a demagoxia de vir facer anuncios electorais sen concretar nunca nada, porque a veciñanza e as empresas de transporte da nosa provincia están fartas destes incumprimentos”, concluíu.