Na súa visita ao polígono de San Cibrao e a Ribeira Sacra
• Para o líder nacional dos populares, todas as axudas habilitadas pola Deputación de Ourense deben chegar sen molestias ás persoas necesitadas, e neste caso particular aos autónomos e pemes, afirmando que non lle cabe a menor dúbida de que “ante calquera actitude contraria acabaremos sabendo a verdade”.
• Manuel Baltar afirmou que na provincia de Ourense “a palabra chave é a cooperación das administracións para a reconstrución económica e social, na que todos temos que axudar, pero onde temos que lamentar a actitude mezquina do socialista Rodríguez Villarino cunha iniciativa miserable e única en todo o territorio nacional”.
O presidente nacional do Partido Popular, Pablo Casado, asegurou hoxe en Ourense que a actitude do portavoz socialista na Deputación e no Concello, Rodríguez Villarino é un “escándalo”, en relación ao boicot que o representante do PSOE e o subdelegado do Goberno fixeron ás axudas aprobadas pola Deputación para autónomos e pemes.
Para o líder nacional dos populares, todas as axudas habilitadas pola Deputación de Ourense deben chegar sen molestias ás persoas necesitadas, e neste caso particular aos autónomos e pemes, afirmando que non lle cabe a menor dúbida de que “ante calquera actitude contraria acabaremos sabendo a verdade”, sinalando así as iniciativas levadas a cabo polo Partido Popular de Ourense e o Goberno provincial, que permitiron pescudar quen estaba tras o inicio do expediente de revisión de legalidade das axudas aberto pola Avogacía do Estado, como se solicitou por un requirimento verbal de Villarino e impulsado polo subdelegado do Goberno manipulando para iso unha institución do Estado.
Pablo Casado agradeceu ao presidente provincial o traballo da formación popular na provincia, “garantindo sempre uns grandes resultados para Ourense, xa sexan eleccións autonómicas, locais, e mesmo xerais, nas que sempre chanceamos con que Ávila e Ourense pelexan por conseguir a primeira praza a nivel nacional”.
Casado fixo estas declaracións durante a súa visita ao polígono industrial de San Cibrao das Viñas, onde tivo a oportunidade de coñecer as instalacións da empresa Transportes Aníbal, para desprazarse despois ata a localidade de Abeleda, no Concello da Teixeira, onde visitou a Adega Cachín, que elabora o viño Peza do Rei elixido por Barack Obama durante o seu mandato para brindar polo Día da Hispanidade.
O presidente do PP, que afirmou vir a Ourense “a falar ben de Galicia e de Feijóo”, defendeu a reactivación industrial, poñendo como exemplo a mencionada empresa e a súa capacidade para adaptación fabricando módulos de desinfección fronte ao coronavirus, e do sector primario no ámbito vitivinícola, non só necesario para o medio rural da provincia, senón tamén polo seu potencial turístico.
MANUEL BALTAR LAMENTA #ANTE CASADO “A ACTITUDE MEZQUINA DE VILLARINO CUNHA INICIATIVA MISERABLE E ÚNICA EN TODO O TERRITORIO NACIONAL”.
En Abeleda, en plena Ribeira Sacra, o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, tivo a oportunidade de explicar a Pablo Casado a importancia dun territorio que aspira a ser nomeado en 2021 patrimonio da Unesco, única candidata de España elixida unanimemente por todos os consellos de patrimonio histórico españois.
Manuel Baltar agradeceu a visita de Casado a unha provincia, dixo, “na que a palabra chave é a cooperación das administracións para a reconstrución económica e social, na que todos temos que axudar, pero onde temos que lamentar a actitude mezquina do socialista Rodríguez Villarino “cunha iniciativa miserable e única en todo o territorio nacional, porque non coñecemos caso algún dunha institución na que un partido non apoiase axudas para os máis necesitados, e moito menos boicotealas”.
O Partido Popular é “prol Ourense, traballa en favor das persoas e sempre fala en positivo, presentando a estas eleccións unha candidatura con moita experiencia na xestión local, o que é clave para unha boa acción política desde o Parlamento e desde o Goberno autonómico, e un programa con sobradas propostas que os ourensáns apoiarán o 12 de xullo”.
MARISOL DÍAZ AGRADECE O APOIO DO PRESIDENTE NACIONAL DO PP Ao TRABALLO REALIZADO “PORQUE HAI BALANCE E HAI PROPOSTAS”.
A cabeza de lista por Ourense, Marisol Díaz, tamén presente durante a visita, agradeceu a Pablo Casado o apoio demostrado coa súa presenza “ao traballo que se está facendo porque hai balance e hai propostas para un novo goberno de Feijóo”.
Díaz quixo destacar as iniciativas que o Partido Popular presenta no seu programa para o medio rural e que teñen como principais obxectivos mellorar as condicións de vida e fixar poboación, “potenciando a actividade económica con medidas para impulsar a comercialización da produción agroalimentaria en Ourense e os sectores agrogandeiro e forestal”.
En concreto citou medidas de dinamización das comarcas vitivinícolas a través da contratación de traballadores temporais en épocas de máxima demanda, simplificación dos trámites das adegas a través dun portelo único ou mellorando os sistemas de identificación de parcelas no rexistro vitícola.
A xornada electoral dos populares ourensáns tamén tivo como escenarios os concellos de Cortegada e Toén, onde se celebraron senllos mitins coa participación de Manuel Baltar e Román Rodríguez, Ademais de Marisol Díaz e o tamén candidato Miguel Santalices.