Publicado o libro “O Caranguexeiro” do autor Takiji Kobayashi e tradución do carballiñes Gabriel Álvarez Martínez

Obra traducida polo carballiñes Gabriel Álvarez Martínez traductor de varios libros de autores xaponeses entre os que destaca o varias veces aspirante ao Premio Nobel de literatura Haruki Murakami

ENLACE A PÁXINA WEB DA EDITORIAL

AVANTAR ACTIVIDADES
Clic na Imaxe

O caranguexeiro, publicada por entregas na revista Senki entre os meses de maio e xuño de 1929 e apenas un trimestre máis tarde como volume exento, está considerada unha das obras canónicas da literatura proletaria. Malia tratarse dun texto breve, destaca a potencia coa que Kobayashi reflicte a desvalorización e o maltrato das clases traballadoras, un feito que daquela lle supuxo a intervención da censura, que mesmo chegou a prohibir a obra; no entanto, anos despois, esa mirada contestataria sería clave para atraer o interese de lectores e lectoras de todo o mundo, unha vez que se traduciu a decenas de linguas.

O punto de partida para a historia é sinxelo: no xélido marco do mar de Okhotsk, Asakawa, o cruel superintendente dun barco factoría, o Hakkō Maru, explota con modos ruíns a súa numerosa tripulación, que sofre severos castigos e represalias. En consecuencia, e a pesar da vixilancia dun buque patrulla da mariña imperial, xorde entre os homes de mar a posibilidade dun motín.

A novela de Kobayashi coñeceu distintas versións teatrais e cinematográficas e foi adaptada como manga, sempre con grande éxito de crítica e público. Boa parte do seu atractivo radica se cadra na fácil translación da historia a case calquera contexto de abuso e precariedade laboral. Así se explica, por exemplo, o boom de vendas que experimentou no Xapón tras o crac financeiro de 2008.