A XII edición da Festa da Palabra honra este domingo o centenario da revista Nós

Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, e Luis González Tosar

Publicidade

Manuel Baltar e o poeta Luis González Tosar presentaron hoxe as actividades deste evento que se celebrará, como vén sendo tradicional, na Insua dos Poetas, na Esgueva, Madarnás

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Fundación “Insua dos Poeta”, Luis González Tosar, presentaron hoxe no Pazo Provincial a XII edición da Festa da Palabra, un evento que se celebrará o vindeiro domingo, 19 de xullo, na Insua dos Poetas, na Esgueva, Madarnás (O Carballiño).

No acto, que comezará ás 12.00 horas, conmemórase este ano o centenario da revista Nós (1920-2020) e presentarase o libro Camiño de Nós. Ademais da habitual entrega de premios “Insua dos Poetas”, terá lugar a actuación de Son Trío; ás 14.00 horas celebrarase a romaxe literaria, coa actuación de Airiños de Caldelas, e ás 18.00 horas actuará o grupo folk Tor, que presentará o seu novo disco.

Manuel Baltar destacou que a Festa da Palabra “é un dos eventos culturais máis importantes dos que se celebran en Galicia”, e que este ano conmemora unha singular efeméride, “o centenario da revista Nós, que alumeou á xeración Nós, o berce do pensamento político galeguista. O presidente do goberno provincial salientou que esta “é a primeira activade cultural que organizamos poscoronavirus, para a cal se manterán todas as medidas de seguridade e sanitarias”.

Luis González Tosar destacou que o evento que se vai celebrar este domingo poderíase titular “Tódalas forzas do espírito están connosco”, dixo, en referencia ao artigo Saúde e terra, do primeiro número da revista Nós, editada o 30 de outubro de 1920. “Será un acto para pór en valor o legado de persoas como Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Otero Pedrayo e outros destacados intelectuais ourensáns daquela época”. Tamén comentou que o domingo tamén se dará a coñecer a persoa ou a obra homenaxeada na Festa da Palabra de 2021, e se entregarán os premios correspondentes á edición deste ano, unha cita cultural que contará coa participación de representantes de entidades sociais, culturais e institucionais de Galicia, e que terá como escenario a incomparable contorna natural da Insua dos Poetas.