O PSOE de Punxín pide ó concello un aparcadoiro no entorno do centro de saúde

O PSdeG-PSOE de Punxín vén de presentar unha moción, para o seu debate na vindeira sesión plenaria municipal, na que insta ao Concello a realizar “a maior brevidade posible” un estudo para a creación dun aparcadoiro público nas inmediacións do centro de saúde. As e os socialistas sinalan que o obxectivo “é mellorar as condicións de seguridade viaria tanto dos vehículos, como dos viandantes que circulan pola contorna”.

As concelleiras socialistas de Punxín indican que, na actualidade, o centro de saúde está situado nunha zona “sen apenas prazas de aparcadoiro”, xa que na entrada ao propio centro, tan só está habilitada unha zona para estacionar como moito dous vehículos. Unha situación, que segundo explican dende o PSOE de Punxín, “ten como consecuencia que se estacionen vehículos nas marxes da estrada de acceso ao centro de saúde, que ten unhas dimensións moi reducidas, o que supón un perigo, non só a hora de circular cun coche, senón tamén para os veciños e veciñas que camiñan a diario por este vía de comunicación”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A voceira do PSdeG-PSOE de Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, afirma que “xa vai sendo hora de que o Concello busque alternativas para dar solución a problemática do aparcadoiro no centro de saúde, un dos puntos neurálxicos do municipio e ao que cada día se desprazan ducias de veciños e veciñas”. A edil socialista considera que o goberno municipal “non pode seguir mirando para outro lado e obviando unha problemática que ten moi preocupada á veciñanza”.

Segundo apunta Peleteiro Vázquez, “seguimos a traballar e a trasladar ao pleno iniciativas dos veciños e veciñas de Punxín” e fai fincapé en que “a creación dun aparcadoiro nas inmediacións do centro de saúde sería unha medida que melloraría a seguridade dos usuarios e usuarias, ademais de facilitar a circulación pola rúa Alberto Cortez, especialmente nas horas nas que o centro de saúde permanece aberto”.

As socialistas agardan agora que o pleno municipal apoie esta iniciativa e que se proceda a buscar unha solución a esta problemática. “Os veciños e veciñas de Punxín precisan duns servizos dignos e de que o goberno municipal mellore as súas condicións e calidade de vida, polo que consideramos moi importante que se escoite, atenda e solucione esta demanda”, finalizan dende o PSdeG-PSOE de Punxín.