O PSDEG de Ourense esixe ós concelleiros de Castrelo que “votaron co PP” as súas actas

rhdr

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de esixirlles os dous concelleiros socialistas de Castrelo de Miño, Francisco Pérez e Jaime Fontanes, que no pleno extraordinario do pasado martes votaron en contra da urxencia do mesmo, concordando en voto co PP e evitando que deste xeito se puidera celebrar o pleno convocado polo Concello para ratificar o pacto antitransfugismo, as súas actas como concelleiros. Os socialistas pídenlle que por “dignidade, civismo e respecto aos veciños”, deixen o plenario e dean paso os seguintes compañeiros nas listas para que tomen posesión como novos concelleiros.


A organización do PSdeG-PSOE de Ourense destaca que esta situación é “inadmisible” e que “o PSOE non admite que se vote co PP en temas tan importantes como o transfugismo” e subliñan que “moito menos imos permitir que haxa pactos por debaixo da mesa con José Manuel Baltar e o seu partido”.
No seno socialista está claro que Baltar “está detrás desta manobra política” e acúsano de “tocar os nosos concelleiros co único fin de romper a vontade democrática dos votantes de Castelo de Miño” co obxectivo, segundo apuntan dende o PSOE ourensán de “facerse coa alcaldía a toda costa” con prácticas que tildan de “caciquís, clientelares e impropias da democracia”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense tamén advirten ao PP e os concelleiros socialistas díscolos, que no caso de levar a cabo a moción de censura, que supostamente “están a planear”, porán o caso en mans da comisión antitransfugismo. “Os socialistas ourensáns non vamos a permitir que se rompa a disciplina de voto e se apoie unha moción de censura que o partido non quere”, apuntan dende a organización, a vez que lembran que “o único pacto que hai enriba da mesa é o de goberno co BNG”. Pacto que leva tempo negociándose e cuxas conversas se iniciaron o pasado mes de setembro para poder acadar un goberno “estable, de cooperación e futuro para Castrelo de Miño”, tal e como apunta a voceira socialista no municipio, Catalina González.

No caso dunha hipotética moción de censura, os socialistas teñen claro que estariamos ante un caso “claro e absolutamente indiscutible de transfugismo político”, o que segundo apuntan “convertería a estes dous concelleiros en tránsfugas, traidores á causa, ao partido e aos votantes de Castrelo de Miño, os que traizoarían con esta moción”. Por todo isto, dende a dirección provincial do PSdeG-PSOE de Ourense solicítanlle a Pérez e Fontanes a entrega das súas actas por “dignidade política” e “respecto aos resultados electorais”.

Pola súa banda, a voceira socialista en Castrelo de Miño, Catalina González, que a pasada semana foi respaldada por completo pola militancia local, nun acto no que tamén participaron membros da executiva provincial, ten claro que “debe cumprirse a vontade do pobo e respectar o que decidiron democraticamente nas urnas”. González lembra que “os veciños e as veciñas de Castrelo de Miño non votaron ao PSOE para establecer un pacto co PP” e apunta que “a veciñanza está molesta con esta situación e en contra dunha moción de censura, xa que así nolo fixeron saber”.

A agrupación municipal e o partido a nivel provincial xa expresaron o seu apoio ao pacto de goberno co BNG e ratifican novamente que están en contra de calquera moción de censura ou posible pacto co Partido Popular de Baltar, o que lle esixen “respecto a vontade do pobo, que soberanamente decidiu nas urnas non darlle a alcaldía os populares” e advírteno que “iremos ata o final para rematar con esta política de compra de vontades e mercadeo de votos, que debe acabar dunha vez por todas na provincia de Ourense.