A iniciativa de divulgación histórica Mazarelos lanzou a nova campaña do ciclo de entrevistas Baixa á praza.
O obxectivo desta serie de encontros é achegar contidos dende a academia á sociedade xeral cunha linguaxe accesible e con contidos rigorosos. En cada entrega, convérsase cunha persoa especialista nunha materia relacionada coas ciencias sociais e as humanidades nas que enfocar outras olladas e xerar novas preguntas.
Na primeira tempada temáticas como o xénero, a gastronomía e a memoria en diferentes procesos históricos foron as protagonistas da man de invitadas como Ofelia Rey Castro, Xosé Manoel Núñez Seixas, Daniela Ferrández Pérez ou Xavier Castro.
A chegada desta nova edición de seis episodios vén acompañada da escritora Susana Sánchez Aríns para falar sobre literatura, memoria histórica e espazos de memoria; do arquiveiro e diretor do Museo das Mariñas Ángel Arcay Barral sobre arquivos, historia local e mulleres espontaneadas; e a prehistoriadora Mar Llinares sobre a presenza da Prehistoria no xornalismo, no ensino e na divulgación.
Este ciclo de entrevistas é apoiado polo Concello de Santiago de Compostela, lugar onde ocorren todos estes encontros en diferentes prazas e parques da contorna. Os tres primeiros capítulos xa están dispoñibles na súa canle de Youtube e na súa web mazarelos.gal