Gonzalo Caballero demanda á Xunta que favoreza “posibilidades de vida” para a Baixa Limia impulsando o parque natural e a mellora das infraestruturas

O secretario xeral chama á Xunta e á Deputación de Ourense a “pasar do abandono” da Baixa Limia a buscar vías para o desenvolvemento do rural

Publicidade

O alcalde de Entrimo critica a “deixación de funcións” da Xunta con respecto á Galicia rural e lanza “un SOS” ante a situación demográfica de Ourense

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Entrimo xunto co alcalde, Ramón Alonso, para denunciar o abandono do goberno galego ao rural.

“É a hora de que Xunta e Deputación de Ourense aposten pola Galicia rural, a máis despoboada, e de que lle dean posibilidades de vida, garantindo servizos públicos de calidade, unha aposta polas infraestruturas e, fundamentalmente, pola xeración de emprego”, sinalou o responsable socialista no marco dunha visita á Baixa Limia en compañía do secretario provincial do PSOE en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, e os deputados Juan Carlos Francisco, Carmen Rodríguez Dacosta e Marina Ortega.

Dende Entrimo, Gonzalo Caballero chamou ás administracións autonómica e provincial a chegar a “un gran acordo ao servizo da Baixa Limia para potenciar as posibilidades que ten este territorio”, logo de lamentar o “abandono” ao que o teñen sometido.

Nesta liña, criticou a falla de infraestruturas na contorna, porque a Xunta “non cumpre nin pon os cartos nin as obras necesarias para ter unhas infraestruturas do século XXI” e impide así “unha mobilidade decente”. Así, lembrou a “asignatura pendente” do goberno galego coa estrada N-540, a principal vía de comunicación da cidade de Ourense coas comarcas de Terra de Celanova e Baixa Limia.

“GALICIA NECESITA UN RURAL VIVO”

Doutra banda, o responsable socialista reclamou desenvolvemento industrial na comarca e pediu ao goberno galego que “busque proxectos de inversión que se poidan desenvolver na Baixa Limia”  con “infraestruturas e investimentos” onde “pode desenvolverse solo industrial”, xa que isto pode ser “unha forma de atraer xente” e “de dar posibilidades de futuro” á bisbarra. “Galicia necesita un medio rural vivo”, enfatizou, para “loitar contra o despoboamento” e a prol do reto demográfico.

En canto ao Parque Natural do Xurés, Caballero lamentou a situación de desleixo, xa que “non ten plan de xestión, non ten director e tampouco ten referencia nin impulso por parte da Xunta”. Así, instou ao goberno galego a defender o medio ambiente para que o parque sexa “unha posibilidade de desfrutar do patrimonio natural e dunha Galicia verde” e de potenciar con iso o turismo e a Galicia rural.

Finalmente, o líder dos socialistas galegos respaldou ao alcalde de Entrimo, que “amosa o seu compromiso e a súa capacidade de traballar polos veciños e veciñas” do municipio logo de varias lexislaturas ao fronte do goberno municipal.

O “SOS” DO RURAL GALEGO

Pola súa banda, o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso, quizo “lanzar un SOS”, dada a situación “na que nos atopamos na maior parte da provincia de Ourense” cando os datos demográficos sinalan que na provincia hai entre 12 e 14 habitantes por quilómetro cadrado, “o que tecnicamente se considera deserto”.

Así, lamentou a “deixación de funcións” do goberno galego, xa que a veciñanza do rural de Ourense “tamén somos cidadáns de Galicia”. Nesta liña, urxiu á Xunta unha estratexia concreta para o rural e pediu unha redistribución de fondos para os concellos pequenos que sexa “máis xusta”.