Martín Seco acusa á Xunta de devolver orzamentos millonarios por incumprir os prazos, mentres desvían fondos da PAC a actuacións que nada teñen de apoio a gandeiros e labregos
O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, cualificou hoxe de “tomadura de pelo” a comparecencia do conselleiro de Medio Rural no Parlamento “pedindo consensos a 15 días do peche das negociacións para fixar a postura da PAC”. Lembrou que ofrece diálogo “sen prazo, e sen facilitar un só dato nin promover debate con ninguén durante meses”.
O responsable socialista criticou que o único balance que pode presentar o goberno galego é o dos continuos incumprimentos na xestión dos fondos da PAC en Galicia, máis de 300 millóns anuais que non deron xestionado, abocando a facer “maiores correccións financeiras por defectos na xestión que en ningún outro momento da historia da autonomía”.
Martín Seco sinalou que o goberno galego só poida “presumir de ser pioneiro en destinar fondos da PAC a actuacións que teñen que financiarse con fondos Feder ou cos orzamentos autonómicos”. Explicou que a Xunta “retirou fondos dos gandeiros e labregos galegos para financiar a banda ancha de polígonos industriais, parques infantís en concellos sen unha hectárea de superficie agrícola ou rehabilitación de edificios públicos”.
O parlamentario socialista criticou así que “o principal beneficiario da Política Agrícola Común é unha empresa transnacional con sede en Madrid”, mentres a posición de Galicia “defínese a base de contratos menores con fundacións privadas”. Sinalou que a día de hoxe Galicia está “dez puntos por debaixo de Castela e León na execución dos pagamentos das axudas directas do primeiro piar”.
Responsabilizou á Xunta do “desmantelamento dos sectores produtivos agrarios de Galicia”, que viu desaparecer 9 de cada 10 explotacións dende a entrada en Europa, e que afronta unha década crítica coa xubilación de máis da metade dos agricultores e gandeiros. Sinalou que o forestal galego aporta o 50 por cento da produción de madeira do Estado pero só o 13 por cento da renda, e o lácteo supón o 40 por cento da produción e o 11,3 da facturación e o 7,2 do emprego.
Acordo de país
Martín Seco reclamou un “gran acordo de país consensuado co medio rural de Galicia”, que sitúe ao goberno galego na senda do cumprimento dos compromisos orzamentarios que están a supor unha sangría de orzamentos comunitarios. Reivindicou maximizar o valor dos dereitos por hectáreas e unha PAC “que represente o ADN da agricultura de Galicia en torno á calidade do produto”.
Reivindicou así o papel da definición do agricultor xenuíno, o pagamento redistributivo para as primeiras hectáreas como medida de protección do peso dos ingreso agrarios, ou no mantemento do nivel de axudas acopladas para a gandería galega. Reclamou pagos compensatorios por desvantaxes naturais na montaña, así como “ecoesquemas simples e accesibles, e certificacións en agricultura ecolóxica e alto valor medioambiental que sirvan de alicerce da agricultura do futuro”.
Defendeu finalmente o “carácter imprescindible do asesoramento, o coñecemento, a innovación e a dixitalización”, e reivindicou o papel dos centros de investigación públicos de Galicia, “como o CIAM ou o CIF de Lourizán”. Acusou ao conselleiro de defender un “modelo que pasa pola precarización das relacións laborais dos investigadores públicos de Galicia”, optando por listas de contratación temporal de persoal investigador “de usar e tirar”.