As axencias de viaxes españolas exploran os recursos do Ribeiro

Publicidade ASPADISI
  • No marco do Plan de Reactivación do sector turístico, a Xunta e Agavi promoven esta viaxe para que deseñen paquetes turísticos asociados á enogastronomía
  • Participan, entre outros, membros de Civitatis, Mapa Tours, Nautalia así como o presidente da Confederación Española de Axencias de Viaxe (CEAV)
  • O programa de mañá inclúe un percorrido polo casco histórico medieval de Ribadavia e unha visita a unha das bodegas de viño da Denominación de Orixe

Responsables das principais axencias de viaxe de España e destacadas empresas do sector, que durante este días participan en Galicia nunha viaxe de familiarización, chegarán mañá a Ribadavia para coñecer os recursos turísticos e poder comercializar paquetes especializados en enogastronomía que contribúan a reactivar o sector no actual contexto sanitario.

A viaxe, promovida pola Xunta de Galicia e a Asociación de Axencias de Viaxes de Galicia (Agavi), prográmase no marco do Plan de Reactivación do sector turístico do Goberno autonómico, que inclúe un convenio de colaboración entre o Goberno autonómico e este colectivo. Preténdese seguir impulsando a Comunidade galega como un destino de calidade e seguro que ofrece garantías para viaxeiros, traballadores e aos propios galegos.

HIPER MASIDE

Así, durante a xornada de mañá os profesionais do sector turístico que participan nesta viaxe de familiarización desprazaranse ata a comarca do Ribeiro para facer un percorrido polo casco histórico medieval de Ribadavia. A continuación, o grupo visitará as instalacións da Bodega Casal de Armán da Denominación Orixe Ribeiro en Ourense.

Participan nesta experiencia máis de 20 persoas, entre presidentes e representantes dalgunhas das principais axencias de viaxes españolas como Civitatis, Mapa Tours, Nautalia Viajes, El Corte Inglés, grupo GEA, Viajes Temps D’Oci, Avantours, a asociación Renascitour ou Viajes Kontiki. Ademais, tamén están presentes membros das asociacións de axencias de viaxe de Valencia, Sevilla, Castela e León, así como o presidente e vicepresidente da Confederación Española de Asociacións de Axencias de Viaxe (CEAV), que agrupa a máis de 5.000 axencias de viaxes, tanto minoristas como maioristas, e conta con 9.000 puntos de venta. No grupo tamén participan axentes de viaxes especializados en mercados internacionais como o ruso, así como xornalistas especializados en turismo.

A viaxe de familiarización enmárcase na aposta da Xunta de Galicia incluída no programa Galicia destino seguro, que conta xa cunha dotación global de 8M€ para impulsar a nosa Comunidade como un destino fiable e de calidade, potenciando os valores que caracterizan o modelo turístico galego e que cobran especial importancia no contexto actual, como a natureza, a paisaxe a enogastronomía ou o Camiño de Santiago. Concretamente o convenio asinado con Agavi, permite promover accións como esta coa intención de adecuar formatos turísticos xa existentes ao escenario actual e crear novos produtos e experiencias.