O BNG de Ribadavia pedirá ó pleno que condene a moción de censura de Castrelo de Miño

Onte o Partido Popular anunciou a presentación dunha moción de censura en Castrelo de Miño apoiada por dous concelleiros que foron elixidos na lista do PSOE. Segundo a formación nacionalista de Ribadavia trátase dunha manobra “ilexítima”, pois incumpre os pactos contra o transfuguismo, e antidemocrática, pois violenta a vontade expresada pola cidadanía que deposita a súa confianza nunha candidatura.

Publicidade

O protavoz do BNG afirma que a gravidade do asunto agudízase por canto que os intereses persoais poden perverter o exercicio do mandato que un cargo electo recibe da cidadanía, pero este tipo de manobras non poden ser dirixidas por unha organización política como é o PP, según asegurou, engadindo que deste xeito se converte en promotor da operación antidemocrática que se quere perpetrar en Castrelo.  

Dende o BNG consideran que neste mandato municipal, igual que en anteriores, o alcalde de Castrelo de Miño ten dialogado con normalidade co alcalde de Ribadavia, atendendo aos seus chamamentos á colaboración en proxectos e incluso declaracións institucionais do maior interese para o goberno municipal de Ribadavia.

Dende a formación non aceptan que nun concello veciño a Ribadavia se produza este feito sen tomar medidas, as posturas e decisións políticas que cada partido adopta forman parte do lexítimo xogo democrático, engadindo que “a confabulación con tránsfugas é inaceptable e esixe a súa condena”.

Por estes motivos o BNG propón ao  Pleno do Concello de Ribadavia a adopción do seguinte  

ACORDO:

1. O pleno municipal de Ribadavia condena a moción de censura presentada o 27 de xullo contra o alcalde Castrelo de Miño e apoiada por concelleiros tránsfugas.

2. O pleno municipal de Ribadavia pide que o Partido Popular retire o apoio a dita moción e expulse aos seus concelleiros en Castrelo de Miño.