O festival “OurenRock Sound” celebrarase o 23 de agosto no castelo de Ribadavia

ÁS 12.00 horas: Presentación de "OurenRock Sound" 2020.- No castelo de Ribadavia, presentación do festival "OurenRock Sound" 2020. O acto contará coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Ribadavia, César Fernández; o director do festival, Rubén Álvarez; e o presidente de Cruz Vermella Ourense, Felipe Ferreiro.

O auditorio do castelo de Ribadavia acollerá o vindeiro 23 de agosto a quinta edición do festival “OurenRock Sound”. O acto de presentación tivo lugar esta mañá no castelo de Ribadavia e contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Ribadavia, César Fernández; o director do festival, Rubén Álvarez; e o presidente de Cruz Vermella Ourense, Felipe Ferreiro.  

Publicidade

O presidente do goberno provincial destacou o apoio que vén dando a Deputación de Ourense “a este referente musical dos festivais galegos, que nesta edición tan especial, por mor da pandemia, se celebrará en Ribadavia con todas as medidas hixiénico-sanitarias e cun cartel de artistas excelente: Xoel López, Sés, e Os amigos dos músicos, que farán deste 23 de agosto unha cita inesquecible, que, ademais ten un importante compoñente social debido a que a recadación irá destinada integramente a Cruz Vermella Ourense”. 

Baltar salientou o traballo de Rubén Álvarez e agradeceu ao alcalde de Ribadavia “a dispoñibilidade para acoller o festival”, remarcando  que a Deputación seguirá apoiando a cultura, “un sector que nunca debe quedar atrás, e que nos propuxemos nun momento como este seguir apoiando; esa é a liña dun goberno provincial como o noso, que escrebe sempre “Cultura” con maiúsculas”, expresou Baltar.  

Rubén Álvarez comentou que OurenRock “é un evento que se produce no seu 90 % con empresas e traballadores de Ourense”, estimando en 400.000 euros o seu retorno económico. Destacou que, nestes tempos, “os eventos culturais son os máis seguros e así o faremos o vindeiro 23 de agosto, contando con todas as medidas de protección para o público”, engadindo que mañá mércores saen a venda as entradas. Toda a información do evento pode seguirse en detalle na web: www.ourenrocksound.com

Felipe Ferreiro explicou que a recadación do festival irá destinada a un programa de promoción escolar de verán para nenas e nenos de familias desfavorecidas, e o alcalde de Ribadavia destacou que OurenRock Sound “situará en agosto a Ribadavia como centro da fervenza cultural e musical, un feito no que destaca o ámbito solidario desta edición”, salientou César Fernández.