A Deputación de Ourense, outorgarlle a Medalla de Ouro da Provincia a Don ISAAC ALONSO ESTRAVIZ

fonte: wikipedia

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN

Concesión da medalla de ouro a don Isaac Alonso Estraviz

AVANTAR ACTIVIDADES

Mediante providencia da Presidencia de data 12 de decembro de 2019, e de conformidade co establecido no artigo 10 do Regulamento de honores e distincións da Deputación Provincial, incoouse o oportuno expediente para o outorgamento da medalla de ouro da provincia de Ourense ao lexicógrafo ourensán don Isaac Alonso Estraviz, designándose a don Armando Ojea Bouzo, deputado provincial, como instrutor do expediente.

De conformidade co artigo 11 do dito Regulamento, a dita providencia foi publicada no BOP e no xornal local La Región, así como na páxina web da Deutación, para recoller o testemuño dos veciños, entidades, concellos ou asociacións, co fin de incorporalos ao expediente e así referendas or méritos deste intelectual tan comprometido coa nosa provincia.

O instrutor do expediente, en data 17 de xullo de 2020, formulou a seguinte proposta de resolución:

“O que subscribe, nomeado instrutor das dilixencias, conforme sinala o Regulamento de honores e distincións da Deputación Provincial de Ourense, co obxecto de conceder honras a favor do insigne lexicógrafo ourensán don Isaac Alonso Estraviz, informa o seguinte: Que, tendo en conta o acordo do pleno da Corporación Provincial, na sesión do 25 de outubro de 2019, o presidente da Deputación, don Manuel Baltar, por Providencia de data 12 de decembro de 2019, dispuxo que se levara a trámite o expediente de honra para a concesión da MEDALLA DE OURO DA PROVINCIA como homenaxe desta ao insigne lexicógrafo ourensán don Isaac Alonso Estraviz.

Conforme co capítulo III do Regulamento de honores e distincións desta Deputación, nomeouse instrutor do expediente ao deputado don Armando Ojea Bouzo e, secretario deste, ao asesor de Política Cultural don Aurelio Gómez Villar, para indagar en cantos méritos concorren nesta persoa, tanto nos aspectos vitais, no seu compromiso con Ourense, na súa dimensión cultural e tamén na súa destacada implicación social.

Publicouse o oportuno anuncio no Boletín Oficial da Provincia, no xornal local La Región, así como na páxina web da Deputación, para recoller testemuño dos veciños, entidades, concellos ou asociacións, coa finalidade de incorporalos ao expediente e así referendar os méritos deste intelectual tan comprometido coa nosa provincia.

Recibidos suficientes escritos de adhesión, entre eles o alcalde do Concello de Trasmiras, a tan xusta proposta do presidente da Deputación de Ourense, correspóndelle agora á Corporación Provincial en Pleno honrar a memoria dun home tan querido e admirado, para a imperecedoira constancia e a transmisión a futuras xeracións

DECLÁRANSE ASÍ FEITOS PROBADOS:

Algunhas persoas desenvolven a súa carreira estritamente ligados á poboación que os viu nacer, e a súa actividade transcende fondamente os límites da provincia e contribúe a fomentar o coñecemento desta poboación a niveis insospeitados. Este é o caso do ourensán don Isaac Alonso Estraviz.

Don Isaac naceu en 1935 en Vilaseca, Trasmiras (Ourense). Na década dos anos 50 iniciou a súa etapa como relixioso formándose como frade no Mosteiro de Oseira destacando pola defensa do uso do galego nese ambiente. Licenciouse en Filosofía pola Universidade de Comillas en 1973, en Filosofía e Letras pola Complutense de Madrid en 1974. Nesta mesma universidade en Filoloxía Románica en 1977. Diplomouse en 1976 en Cultura e Lingua Portuguesas pola Universidade de Lisboa e en 1999 doutorouse en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese O falar dos concellos de Trasmiras e Cualedro

Entre 1975 e 1977, exerce como profesor de Lingua e Literatura Galega no Ateneo de Madrid e dende entón e ata 1884, desempeña o mesmo labor na Irmandade Galega Lóstregos da capital do estado. Xa como profesor de Bacharelato impartiu clases en diferentes localidades de practicamente todo o territorio galego ata acadar, en 1987, o destino definitivo no Instituto Otero Pedrayo de Ourense. De 1990 a 1992 é Profesor Asociado da Universidade de Vigo, de 1992 a 1994 Profesor Titular de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Vigo, en Pontevedra e Ourense, para dende 1994 ata a súa xubilación en 2005, exercer solo no Campus de Ourense.

Destacou como membro da Comisión Lingüística da Associaçom da Galega da Lingua, posicionada no reintegracionismo que defende a aproximación do galego ao portugués, cousa que lle xerou certos problemas coa inspección do ensino. Tamén formou parte do consello de redacción da revista Agalia e é membro numerario da Academia Galega da Lingua Portuguesa, membro da Comisión de Lexicoloxía e Lexicografía e do Consello de Escritura e Administración do Boletín da AGLP.

En 1986, formou parte da delegación galega que participou coa categoría de observadora no Encontro sobre a unifiçao ortográfica da Lingua Portuguesa celebrado na cidade brasileira de Río de Janeiro.

Como lexicógrafo é autor de varias obras sobre o léxico galego, entre elas Contos con reviravolta: arando no mencer (1973), Dicionario galego ilustrado Nós (1983), Estudios filolóxicos galegoportugueses (1987), destacando especialmente polo Dicionario da Lingua Galega de orientación reintegracionista, unha das obras máis completas realizadas sobre o idioma galego, en 3 tomos, e publicado inicialmente en 1986, para ser revisado e ampliado en varias ocasións, ata que no ano 2000, tamén está dispoñible na rede na súa versión electrónica, sendo o máis amplo dicionario en lingua galega existente a día de hoxe.

Isaac tamén ten participado como autor en varios libros colectivos e mesmo é autor de traducións de obras importantes ao galego, tan dispares como o Gaudium et Spes do Vaticano II promulgado polo Papa Paulo VI ou o Manifesto do Partido Comunista de Marx e Engels. Ten colaborado con artigos en diferentes publicacións como Grial, Agalia, O Ensino, Cadernos do Povo, Encrucillada, Raigame ou A nosa terra.

Na súa vida destacou desde neno pola defensa do uso do galego que mesmo lle supuxo algún desgusto na época de estudante. Posteriormente, debido á súa coñecida posición coa corrente reintegracionista dentro do galego padeceu algunha incomprensión, pero gañou o aprecio e proximidade de intelectuais galegos como Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Manuel Maria ou Isaac Díaz Pardo.

CONSIDERANDO POIS:

Que as meritorias circunstancias persoais e profesionais que concorren no lexicógrafo don Isaac Alonso Estraviz, recollidas nos informes e manifestacións recibidas nas adhesións achegadas á Deputación de Ourense, e, neste caso, como instrutor deste expediente, considero que son determinantes para avaliar as grandes calidades que honran a este persoeiro, e é de obrigado deber desta Deputación promover a exaltación dos seus fillos ilustres que dedicaron a súa vida e as súas actividades a prol do noso desenvolvemento, tanto cultural, artístico, musical, social como económico.

Que, sentado este principio básico, este instrutor ten a obriga de investir de eficacia xurídica o desexo desta institución, fiel representante da nosa provincia, conferíndolle a don ISAAC ALONSO ESTRAVIZ as honras previstas no noso Regulamento. Polo exposto anteriormente, e vistos os artigos do Regulamento de honores e distincións da Deputación de Ourense, o instrutor ten a honra de formularlle á Corporación Provincial a seguinte

PROPOSTA:

Como homenaxe da provincia de Ourense ao destacado lexicógrafo ourensán DON ISAAC ALONSO ESTRAVIZ, de conformidade cos artigos 1, 7, 9, 10 e 11 do Regulamento de honores e distincións da Deputación de Ourense, outorgarlle a MEDALLA DE OURO DA PROVINCIA, como homenaxe e recoñecemento do noso pobo a toda unha longa traxectoria intelectual marcada polo seu carácter de traballador incansable en prol da defensa, estudo e difusión do noso idioma que o converteu nun dos maiores especialistas que deu Galicia.

Elevarlle a presente proposta ao Pleno da Excma. Corporación Provincial, para a súa aprobación, se procede”.

Polo exposto, e unha vez concluída a tramitación do expediente, proponse que, tralo ditame previo da comisión informativa competente, por parte do Pleno se adopte o seguinte acordo:

De conformidade cos artigos 1, 7, 9, 10 e 11 do Regulamento de honores e distincións da Deputación de Ourense, e consonte coa proposta formulada polo instrutor do expediente, outorgarlle a medalla de ouro da provincia ao insigne lexicógrafo ourensán don Isaac Alonso Estraviz.