Deputación e Xunta apostan por un plan de sustentabilidade que destaque o liderado de Ourense como destino termal

Visita ás futuras instalacións do nvo alberte de peregrinos no Mosteiro de Oseira de Manuel Baltar (Presidente Deputación Ourense), acompañado de Román Rodríguez (Conselleiro de Cultura) e Jose Luis Valladares (Alcalde de Cea).

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuníronse para abordar os detalles deste proxecto

Galicia comprometeuse a coordinar esta proposta, que contará cunha folla de ruta que deberán elaborar as entidades locais e será valorada polo Executivo central

AVANTAR ACTIVIDADES

Destacaron que a provincia representa un modelo que encadra coa filosofía desta acción ao potenciar a natureza, a paisaxe, a enogastronomía e o patrimonio

Reunión sobre o Plan de Sostenibilidade do Termalismo no Mosteiro de Oseira. Asisiten Manuel Baltar (Presidente da Deputación OurenseI), Román Rodríguez González (Conselleiro de Cultura), Elena Barca (Xerente Tueismo de Galicia) e Sandra Quintás (Xefa Territorial da Conselleria en Ourense)

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, apostan por desenvolver un Plan de Sustentabilidade que destaque o liderado da provincia como destino termal de referencia. Así o avanzaron tras manter un encontro para abordar os detalles desta iniciativa, formulada na última Conferencia Sectorial de Turismo, na que colaborarán a Xunta, o Goberno central e as entidades locais co obxectivo de reactivar o sector turístico da man de actuacións respectuosas desde o punto de vista socioeconómico, medioambiental e territorial.

A Xunta comprometeuse a coordinar esta acción e remitirlle ao Ministerio as propostas formuladas polos destinos que opten a esta iniciativa, que se desenvolverá nun período de tres anos e contará cun orzamento de 3 millóns que achegarán o Estado, as comunidades autónomas e as entidades locais beneficiarias. As entidades locais serán as encargadas de elaborar a proposta de actuación que posteriormente valorará a Secretaría de Estado de Turismo. Precisamente, o responsable de Cultura e Turismo repasou co presidente do ente provincial os requisitos que deberá reunir o futuro Plan de Sustentabilidade e os criterios que se valorarán para a súa elección.

Ambos coincidiron nas posibilidades que ofrece este plan para impulsar o desenvolvemento turístico da provincia e a recuperación a reactivación do tecido empresarial. Neste sentido, subliñaron que Ourense representa un modelo turístico que encadra coa filosofía desta acción, ao potenciar valores como a natureza, a paisaxe, a enogastronomía, ou o patrimonio, especialmente valorados no contexto da actual crise sanitaria. Do mesmo xeito, destacaron a importancia do termalismo, un aspecto no que este territorio está considerado un referente a nivel nacional e mesmo internacional.

Recuperación tras a crise sanitaria

A iniciativa componse de dúas vertentes, unha centrada en destinos xa consolidados, caracterizados por recibir unha gran afluencia de xente e que busquen reorientar o seu modelo turístico cara outros máis intelixentes e sustentables, e outra vertente, na que se encadraría Ourense, focalizada en destinos rurais ou de interior que ten por obxectivo poñer en valor aspectos como o patrimonio cultural ou medioambiental ou crear novos produtos turísticos baseados nas súas particularidades.

Entre as actuacións que se financiarán no marco deste programa destaca a creación de novos produtos, a sinalización de recursos, actuacións de embelecemento de cascos históricos ou a aplicación de novas tecnoloxías para o seguimento da demanda turística.