O concello regula a publicidade mediante unha ordenanza

O Pleno do pasado 30 de xaneiro acordou a aprobación inicial da ordenanza municipal que ten por obxecto a regulación da difusión e utilización do espazo público para a publicidade no concello, e establece ademais un mecanismo sancionador, con multas dende 750€ ata 3000€, para evitar a contaminación do medio ambiente, a sucidade, e desorde na vía pública e o establecemento de lugares habilitados polo Concello para a colocación xeral de carteis.

Enténdese por publicidade calquera cartel, pancarta ou soporte publicitario físico, colocado sobre o mobiliario urbano, muros, inmobles, zonas verdes e a vía pública. Tamén a publicidade comercial repartida nas caixas de correo, ou para a entrega en man aos destinatarios.

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste último caso, non se permite votar indiscriminadamente a publicidade noutros lugares que non sexan as caixas de correo ou naqueles espazos que os veciños dispoñan para a súa colocación.

Respecto da colocación de carteis ou pancartas quedará prohibido colocalos en calquera lugar da vía pública ou edificios privados que non sexan os habilitados para esta función polo concello.

Esta ordenanza prohibe tamén o emprego de animais como complemento publicitario, anuncios que atenten contra a dignidade da persoa e dereitos constitucionais e recomenda a utilización de procesos e materiais ecolóxicos na elaboración dos soportes publicitarios así como a inclusión de mensaxes de educación ambiental por parte das empresas publicitarias, de xeito que, unha vez cumprida a súa función, se deposite nos colectores de recollida selectiva de papel e cartón garantindo a súa reciclaxe.