A Deputación abre unha etapa de colaboración co Instituto Galego do Viño e “Cociña Ourense”

Reunión Manuel Baltar (Presidente Deputación Ourense) con Miguel González (Presidente AA Cociña Ourense), Xoan Cannas (Director do Instituto Galego do Viño) e David De Vera (Instituto Galego do Viño).

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co máximo responsable de “Cociña Ourense”, Miguel González, e con representantes do Instituto Galego do Viño para abrir unha etapa de colaboración entre as tres entidades impulsando a asociación “Cociña Ourense” que “está a traballar moito por Ourense como destino gastronómico, potenciando os nosos produtos, a gran despensa agroalimentaria que é a nosa provincia”, destacou o presidente do goberno provincial.

Pola súa parte, o Instituto Galego do Viño é “unha entidade que leva 10 anos de existencia, referente na Península Ibérica e que se dedica a formación, formación que vai a axudar a que membros de “Cociña Ourense” teñan o máis alto nivel en relación cun produto que é un buque insignia da nosa provincia, pois temos catro das cinco Denominacións de Orixe vitivinícolas de Galicia”, explicou Baltar.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ademais, o presidente do goberno provincial dixo que esa formación e esta nova etapa de colaboración co Instituto Galego do Viño fai que a Deputación e a asociación “Cociña Ourense” “principien unha andaina de impulso, de futuro e de compromiso coa provincia, nun momento no que o turismo coa máxima precaución e prudencia, temos que exhibir as nosas potencialidades gastronómicas, como o fai “Cociña Ourense” desde o inicio co apoio da Deputación de Ourense, porque os nosos produtos son os nosos mellores embaixadores co viño como estrela”.