A Xunta apoia a competitividade de máis de 260 proxectos de PEMES co programa ReAcciona

Beautiful smiling woman reading text message on mobile phone during work. Mature businesswoman checking new messages on smartphone. Casual businesswoman checking important mail while working on computer in office.

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as axudas concedidas dentro da primeira convocatoria para este ano do programa ReAcciona, que permitirán mobilizar 1,3 millóns de euros en 262 proxectos para mellorar a competitividade das pemes galegas. Os beneficiarios accederán a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos en ámbitos como a reorganización estratéxica e operativa dos seus negocios, a profesionalización, a dixitalización e, como novidade este ano, a innovación.

Entre os proxectos que se veñen de aprobar, destacan os apoios destinados á optimización da produción e cadea loxística; a preparación de procesos certificables; o asesoramento para o relanzamento comercial; o deseño de estratexias de márketing de contidos e o apoio das tecnoloxías da información e a comunicación para a adopción de xestión empresarial en mobilidade; ou o asesoramento para o financiamento da innovación e o deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores. Tamén se prestarán servizos de asesoramento para o relanzamento comercial, plans de mellora empresarial, xestión financeira ou análise do potencial competitivo, entre outros. Por sectores, un 35% dos servizos aprobados desenvolveranse no sector servizos; un 25% na industria, un 24% no comercio e a hostelería, un 11% na construción e un 4% no ámbito do transporte e comunicacións.

AVANTAR ACTIVIDADES

As pequenas e medianas empresas que desexen participar no programa ReAcciona, que busca achegar as respostas que precisa o tecido empresarial no novo contexto da covid-19, poden solicitalo a través das diferentes convocatorias previstas ata final de ano. Así, despois da primeira convocatoria, cuxa resolución se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, nestes momentos está en marcha unha nova que estará aberta ata o 17 de setembro. Posteriormente abriranse outras dúas convocatorias: do 21 de setembro ao 5 de novembro e do 9 de novembro ao 28 de decembro.

Na iniciativa colaboran a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Axencia Galega de Innovación (Gain) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e conta co cofinanciamento do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. O programa ReAcciona, que conta nesta edición cun orzamento de 4,2 millóns de euros, enmárcase no Igape Responde, unha ferramenta que busca reforzar os servizos de acompañamento aos colectivos empresariais máis vulnerables ante a actual situación.