Información sobre o Camiño de Nós
O 8 de xullo de 1926, Ano Santo, sete galeguistas de Ourense, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Lois Feixoo, Antón Sánchez, Afonso Vázquez Monxardín e Xavier Pardo Bedia sairon de Ourense pola Ponte Nova para faceren a pé unha viaxe a Santiago de Compostela. O próximo mércores 8 de xullo de 2026 cumpriránse cen anos daquela xeira polas terras do corazón de Galicia, recollendo o máis significativo do patrimonio cultural que atravesa un roteiro agora centenario.
A peregrinación desenvolveuse entre o 8 e o 11 de xullo, de xoves a domingo, e o cronista da viaxe foi Xavier Pardo Bedia. As crónicas foron publicadas no xornal galeguista A Nosa Terra. Seguiron o chamado Camiño dos Arrieiros, documentado desde o Medievo e vixente ata a segunda metade do século XX, valéndose da Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán de 1834.
O itinerario iniciouse en Ourense o 8 de xullo de 1926 e percorre os concellos ourensáns de Amoeiro, Maside, O Carballiño e O Irixo; na provincia de Pontevedra atravesa Lalín, Silleda e A Estrada e, finalmente, na provincia da Coruña, Vedra, Boqueixón e Santiago, onde chegaron o 11 de xullo de 1926.
Con este motivo, e despois de ter publicado en 2020 o libro O Camiño de Nós co patrocinio da Deputación de Ourense, a Fundación Insua dos Poetas en colaboración co Concello de Ourense vai marcar o punto de saída cun monolito de pedra que recolla información do Camiño de Nós realizando un acto no lugar por onde pasaron os intelectuais galeguistas.
















