A CIG denuncia a falla de protocolo do covid-19 nos centros de menores

Cando é preciso que todas e todos extrememos as precaucións fronte á pandemia, a Consellería de Política Social non vai cumprir unha das medidas máis efectivas para evitar que se produza un contaxio nos centros de menores, facer probas PCR aos novos ingresos tanto menores como traballadoras e traballadores. No acordo do venres 14 de agosto do “Consejo Interterritorial del Sistema Nacional de Salud”, acordouse, entre outras, a seguinte medida de prevención e seguridade, respecto dos centros sociosanitarios : “Por un lado, realizar pruebas PCR a todos los nuevos ingresos en los centros sociosanitarios de carácter residencial, con 72 horas de antelación como máximo. También se hará a los empleados/as que regresen de permisos y vacaciones, y a los nuevos trabajadores/as que se incorporen.” Sen embargo, na nota de prensa publicada na web da Consellería de Política Social o luns 17 de agosto fala de aplicar esta medida só nos centros de maiores e de atención a discapacidade, deixando fóra aos centros de menores. Este criterio de exclusión non é compartido noutros territorios do Estado español, como no caso da Comunidade murciana, onde xa houbo abrochos en centros de menores, polo que decidiron aplicar esta medida. O luns 17 e mércores 19 de agosto o delegado de Prevención de Riscos Laborais do CR Monteledo, delegado de persoal da Confederación Intersindical Galega (CIG) de Ourense, fixo sendas consultas telefónicas á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, para saber se nos centros de menores en Galicia se ían tomar medidas preventivas e cales concretamente, dado que a finais de agosto regresaban das vacacións unha cantidade importante de traballadores, e coa normalización da actividade xudicial, os ingresos de menores nos centros volve ó seu ritmo habitual, polo que consideramos fundamental a implementación das medidas aprobadas no “Consejo Interterritorial”de cara a minimizar o risco de contaxio dentro do centro, tanto entre traballadores como entre usuarios / internos. As características dos centros de menores, en particular dos centros de cumprimento de medidas xudiciais, fan necesario extremar as precaucións, dado as características dos mesmos:  Limitada e deficiente ventilación (ventanas de seguridade para evitar fugas que só abren 10 centímetros e portas de entrada pechadas con chave).  Imposibilidade de manter a distancia de seguridade (espazos reducidos nos fogares con ata 12 menores + 3 educadores + garda de seguridade).  Crecente conflitividade (nos últimos 2/3 anos o número de agresións e contencións físicas aumentou exponencialmente en Ourense). Por todo isto solicitóuselle á Consellería de Política Social que nos centros de menores de Galicia se apliquen as medidas acordadas no pasado “Consejo Interterritorial del Sistema Nacional de Salud”