Reunión da xunta directiva da CEO


A CEO celebraba esta tarde reunión da súa xunta directiva para, entre outros puntos habituais da orde do día, ratificar a composición dos asembleístas que participarán o vindeiro martes, 29 de setembro, na asemblea xeral ordinaria da entidade que se celebrará telemáticamente. As últimas restricións de aforo nas reunións por mor da pandemia fan inviable a realización presencial da asemblea, tal e como estaba previsto, polo que se desenvolverá de maneira online por primeira vez na historia da Confederación. Nun principio barallouse o recinto de Expourense para celebrar esta reunión, que congrega cada ano aos representantes das distintas asociacións e empresas da CEO, pero no momento da convocatoria as restricións vixentes han obrigado a cambiar a planificación e pasala ao modelo telemático. Ademais deste punto e outros habituais de lectura de acta ou rogos e preguntas, a presidenta tamén informou da xestión da entidade desde a última reunión de xunta directiva, celebrada a finais do mes de xullo. Na súa exposición, Marisol Novoa quixo facer especial fincapé en que as restricións e a pandemia non frearon a actividade da Confederación, e boa mostra diso é a adaptación de moitas accións ao espazo online, como a constante tarefa do departamento de Promoción Exterior para seguir apoiando ás empresas na súa saída a mercados internacionais, o que desenvolve a través de programas europeos e locais, como o convenio Exportou coa Deputación. A presidenta insistiu ademais na urxente necesidade de que se reconduza a situación de crise no concello de Ourense para que tanto os proxectos en marcha como as axudas prometidas poidan materializarse e a cidade non sufra un empeoramento da situación que xa provocou a pandemia.